Emprego, obxectivo prioritario

Amelia Pérez LIÑA ABERTA

OPINIÓN

María Pedreda

01 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A enquisa de Sondaxe sitúa o desemprego como principal preocupación dos galegos, sobre todo entre a poboación residente nas cidades. Non nos sorprende: levamos máis dun ano de pandemia e foi preciso tomar medidas nunca vistas que minoraron a actividade. As restricións terían un impacto aínda máis grave se non fose polo escudo social que representaron os ERTE, básicos para manter o emprego e evitar que as empresas despedisen a eito como en crises anteriores. De aí a urxencia de renovar o acordo en condicións que permitan a recuperación progresiva da actividade e a reincorporación aos postos de traballo -como ocorreu nos últimos meses, coa redución do número de persoas acollidas a este mecanismo.

Malia que a crise sanitaria foi a pinga que fixo rebordar o vaso, desde CC.OO. xa advertiamos dos serios problemas do noso mercado de traballo, causa do constante éxodo de poboación activa cara a outros territorios onde desenvolver proxectos de vida e de futuro. En abril, o paro diminuíu en 9.941 persoas, pero a afiliación á Seguridade Social só sumou 3.260; a diferenza (6.681) son galegos que desistiron de atopar traballo na súa terra.

A falta de emprego e o temor a perdelo son a face e a cruz da mesma, porque o mercado laboral galego é cada vez máis pequeno e menos diverso, o que limita as opcións. Nuns días, os datos do paro rexistrado do mes de maio, previsiblemente, constatarán a mesma tendencia, presente xa antes de que o covid irrompera nas nosas vidas.