Máis aló de Irlanda, ou non

Uxio Labarta
Uxío Labarta CODEX FLORIAE

OPINIÓN

27 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Nunha semana din dúas veces con Irlanda. Unha foi na presentación en Vigo do último libro de Ramón Villares, Cultura e política na Galicia do século XX, con análises e hipóteses tinguidas de heterodoxia, onde non falta nunca o traballo pousado e anovador.

Villares mantén que a nosa é unha nación cultural, que vén daqueles tempos de Xelmírez e os destinos escollidos pola Gallaecia lucense e a Gallaecia bracarense. Un destino cultural enxergado na Europa e no Camiño de Santiago, e un outro político no nacente Portugal. Destinos que Villares destaca no seu ensaio sobre Galicia como tarea, onde Paz Andrade sostén que o galego se estende a «catro continentes», «un mapa da lingua de Rosalía e Camões», debendo seren entendido coma instrumento para «facer».

Unha nación cultural na que o futuro do seu idioma está feble, retesía á que Villares non lle quita a cara, como cando no 2009 se cambiaron as políticas lingüísticas no ensino, ou mesmo agora. Presentación do seu libro na que unha aguda pregunta no coloquio deu paso a unha achega sintética das interaccións entre as Irmandades da Fala, a Europa e a independencia de Irlanda, analizadas xa por Villares en traballos anteriores.

Días despois din de novo con Irlanda neste xornal, onde Carlos Luis Rodríguez, interrogando, facía comparanzas entre aquel porvir do gaélico desde os tempos de Valera, «Sen lingua a patria non ten alma» -aló polo 1916 e a Grande Guerra que cambiaría Europa, cambio que incluíu a independencia irlandesa-, e o presente e o futuro do galego que sintetiza nun atinado paralelismo: «Moitos galegos teñen co idioma a mesma relación do agnóstico coa catedral. Visítana, gustan de restaurala, mais non se poñerán a rezar».

Encontros que levan a reflexionar sobre Irlanda e as súas políticas lingüísticas (1922-1939) e mesmo comparalas con aquelas outras do País Vasco (1990-1998) da man da obra do profesor Josu Mezo El palo y la zanahoria. Dúas linguas, gaélico e euskera, en proceso de declive das que Mezo busca resolver o paradoxo entre a debilidade nos logros da política lingüística irlandesa, onde non había oposición social ou política ó gaélico, fronte ó relativo éxito do renacer do euskera, onde si existían importantes minorías receosas ou contrarias a ese renacemento.

Mezo reflexiona: as vitorias políticas abafantes serían causa do fracaso, mentres as vitorias moderadas traerían o éxito. Teoría de xogos cos idiomas, mesmo daqueles que coma o galego son máis que unha lingua vernácula, pero á que non lle son alleas as opcións tomadas polos gobernos e a sociedade galega, incluída a discutida politización da lingua. Por máis que nada veña de novas, como ben deu aviso Alonso Montero en 1973. Porque a pregunta formulada por Alonso entón, segue: que pensan do galego os distintos sectores, estamentos, grupos e familias de Galicia? Quen se atreva a respondela, di Alonso Montero, con valentía política e metodolóxica, poderá facer propostas razoables a favor da lingua galega. Máis aló de Irlanda e do gaélico. Ou non.