A sabedoría popular galega adoitaba dicir que cada ano dun can equivalía a sete anos de vida dunha persoa. Ese dito posiblemente procede dunha época na que a esperanza de vida humana andaba polos 70 anos, e a canina, nos 10. Pero recentes análises demostran que non hai tal proporción, senón que as equivalencias van cambiado ao longo das nosas vidas.
Como se fixo o estudo? O ADN dos seres vivos está sometido a alteracións que se van acumulando co tempo (iso que chamamos vellez) e esas alteracións poden medirse, de xeito que nos proporcionan un reloxo que indica a idade biolóxica. E ese foi o método que seguiu un grupo de científicos, que analizou o ADN de 104 cans en diferentes fases da súa vida, buscando o paralelo cos humanos, e atopou patróns de envellecemento (chamados reaccións de metilación) comparables en certas rexións dos xenomas.
O resultado: a comparación non ten unha proporción estable ao longo da vida. Para empezar, a puberdade canina ocorre aos 10 meses: ou sexa, un can de 10 meses é o equivalente dun humano que empeza a adolescencia. Aos 2 anos ten o equivalente de 42 anos humanos, e aos 5 anos equivale a un humano de 57. Un dato interesante: a transición que teñen á vellez é suave: 8 anos caninos equivalen a 64 humanos, 10 caninos equivalen a 68 anos humanos... O meu can vai camiño dos 11 anos, que equivalen a 69 dun humano. 12 equivalen a 71, 14 equivalen a 73, e 16 equivalen a 75. Por suposto, a calidade de vida do animal depende enormemente do trato e dos vicios que se lle deron.