Xela e a Galicia rebelde


Amo esa palabra: rebeldía. Rebelarse é tamén revelarse, con b e con v. Son termos similares con semánticas aparentemente distanciadas. A obra de Xela Arias foi un canto rebelde, e tal vez por iso goza do meu afecto. Os seus tigres eran cabalos, e ao revés. Era poeta antes de ser editora, e poeta antes de profesar (a arte da docencia), e poeta antes de golpear as conciencias dun país de seu anestesiado. Foi, en certa medida, a medida daquel tempo que xa non existe. Agora, a rebeldía, en Galicia tamén, é perseguida. Estamos tan afeitos a pensar como pensan as maiorías que calquera discrepancia xa resulta «perseguible». E nada máis necesario nestes tempos na nosa cultura: discrepar. Abenzoada sexa a discrepancia. Semella que só existe un único relato e, polo tanto, un único discurso. Pero resulta falso. Este país debe mirarse este 17 de maio no espírito rebelde da escritora, artista no sentido máis lato da palabra, para refundirse. Ou, permítanme o neoloxismo, refundacionarse.

O país e a lingua do país creceu grazas, tamén, a aqueles que consideraban que non existe un único credo. Aqueles que, distantes no tempo, seguen a ser referentes fundacionais da mellor literatura que se escribiu no noso idioma. Non podemos renunciar nin a Cunqueiro nin a Dieste, nin a Risco nin ao fidalgo de Trasalba, que era conservador e católico e provinciano. Este país ten que darse a si mesmo un baño de rebeldía. Petar na aldraba dos novos tempos sen fisuras e sen complexos. Discutir o nesgo único da cultura deste país. Por iso é preciso levantar a bandeira do rock, ou sexa, de toda ruptura.

Agora mesmo non existe nada máis progresista en Galicia que ser capaz de discutir o relato único que procede dos poderes fácticos da cultura galega. Todos sabemos, sen precisar as súas siglas, quen son eses poderes. As academias e os consellos agora mesmo representan o statu quo inamovible de Nós (no seu flexible centenario, precisamente). Pero Nós evidenciaba a inadaptación. Digo, a rebeldía. Como Xela Arias.

Esta vez acertou a Real Academia Galega, que xa non acerta ultimamente en case nada. Acertou ao seu pesar. E fíxoo porque conmemora a unha rebelde, aínda sen que a RAG o sospeitase.

Unha rebelde que agora mesmo preguntaríase se o camiño da cultura do país é o camiño que ela, cazadora de coiro e contestataria, aceptaría como correcto. O correcto é non ser correcto. Ese debe ser o lema dos artistas. Pero non. Estes son tempos de aquiescencia, de banalidade, do progreso imparable da estupidez: ese sintagma que tantas veces repito. Con todo isto quero dicir que Xela Arias era unha discrepante. E que a discrepancia segue a ser castigada, exiliada, fustrigada, laminada.

Por iso, este 17 de maio eu quero celebralo máis ca nunca. Porque o canto de Xela Arias (Los desertores, de Vigo e do mundo, era o grupo para o que escribiu cancións) é a melodía rebelde dos que non se resignan á tiranía do politicamente correcto. Mil primaveras máis para ti, Xela: a Galicia rebelde.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
30 votos
Comentarios

Xela e a Galicia rebelde