A lingua, actitude ou «pack»?

OPINIÓN

PACO RODRÍGUEZ

17 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A lingua galega, como instrumento e sinal de identidade, non atravesa un bo momento. Porque, aínda que está sostida pola política autonómica, e dispón de tódolos medios pedagóxicos e tecnolóxicos da comunicación moderna, segue ameazada por tres eivas que imos comentar. A primeira é que sofre unha importante perda de falantes, e, sobre todo, de falantes que teñen o galego como lingua materna. E por iso estamos obrigados a investigar se parte dos avances pedagóxicos e tecnolóxicos que mencionamos só responden a actividades subvencionadas ou a un oficialismo cada vez máis evidente, que, de seguir medrando, será máis problemático que beneficioso. 

A segunda eiva é que a calidade da fala está devecendo rapidamente, e que a penetración da sintaxe e do vocabulario castelá é máis perceptible ca nunca, de xeito que, cando ouvimos falar aos que empregan ritualmente o galego -na política, nos medios de comunicación ou nas aulas-, resulta difícil saber que idioma están falando. Por iso, este galego perde razón e importancia como forma de cultura e identidade, e facilita moito a deserción dos falantes.

E a terceira eiva refírese a que o proceso de normalización lingüística, pensado para introducir o galego en tódolos niveis sociais e culturais, e nas actividades económicas, científicas ou de ocio, non se resolveu nunha efectiva normalización, senón nunha inversión da anormalidade. Porque, ao tempo que o galego ganaba presenza nos ámbitos dos que antes estaba ausente -a política, a igrexa, certas actividades universitarias e profesionais, e na xudicatura- foi desaparecendo das relacións sociais e familiares, e dos espazos urbanos e do ocio.

Por iso non parece unha actitude responsable a de instalarnos nesta nova anormalidade, para disimular con estatísticas o retroceso que está sufrindo o galego nos eidos da transmisión materna, da inserción social, nos hábitats urbanos, e na cantidade e calidade dos falantes. Por iso me parece obrigado volver a 1973, ao celebrado título do profesor Alonso Montero, para esixir un novo e urxente Informe dramático sobre a lingua galega. Porque temos que saber se o abuso da lingua como instrumento de afirmación e configuración do nacionalismo moderno está convertendo a fala, máis que nun idioma propio, do que todos deberiamos sentirnos responsables, nun pack patriótico que inclúe a propia fala, as posicións políticas que dela se derivan, os grupos que administran como propio ese capital, o tratamento incorrecto do pluralismo lingüístico, e unha produción literaria que, en vez de responder a criterios de calidade, sempre queda positivamente avaliada pola militancia lingüística. Porque iso podería significar que moitos cidadáns que se instalarían con gusto na lingua dos seus pais, non están dispostos a militar nela. E, se tal cousa se produce, o futuro da lingua galega será o de ser absorbida pola crecente utilidade da lingua castelá, que xoga na liga da globalización. Tamén pode non ser así. Pero é obrigatorio falar diso con liberdade.