Unha norma á altura dos retos do agro galego

José manuel andrade calvo DIRECTOR DE LA FUNDACIÓN JUANA DE VEGA

OPINIÓN

12 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Parlamento galego vén de aprobar a Lei de recuperación da terra agraria, unha lei ambiciosa que pretende poñer en valor un recurso estratéxico do agro galego ao que vimos prestando cada vez menos atención por mor do descoñecemento e da desvinculación da propiedade provocado pola elevada fragmentación e a pequena dimensión das parcelas. As consecuencias deste abandono son coñecidas por todos e teñen un enorme impacto económico, social e ambiental que afecta ao conxunto da cidadanía.

Trátase dunha lei que pretende recuperar para uso agrícola, gandeiro e forestal terra en estado de abandono, impulsando a actividade económica rendible a través do seu aproveitamento produtivo, respectando e mantendo os ecosistemas e outros espazos de valor ambiental, patrimonial e paisaxístico, e ordenando os usos a través da innovadora figura dos mapas de usos agroforestais e do catálogo de solos agropecuarios e forestais de Galicia. Estas figuras, introducirán, cabe esperar, sentido común na planificación territorial, preservando os solos de boa aptitude agrícola e forestal para desenvolver a súas funcións máis acaídas.

Para lograr esa recuperación e posta en valor da terra que permita xerar riqueza, emprego e facer fronte aos retos demográfico e ambiental aos que se enfronta o rural de Galicia, a lei contempla unha serie de instrumentos de mobilización e de recuperación que teñen como característica común a esixencia dun elevado nivel de consenso dos propietarios para poder desenvolverse. Isto requirirá, ademais dunha forte labor pedagóxica e divulgativa, a implicación do máximo número de axentes posible na posta en marcha desta para lograr os seus obxectivos.

Ademais do anterior, a lei vén acompañada de importantes medidas de impulso e de fomento, tanto de natureza financeira como fiscal, orientadas a incentivar o emprendemento, o relevo xeracional e, en xeral, o desenvolvemento de actividades empresariais vinculadas ao uso produtivo da terra, que servirán como panca para a transformación dos espazos rurais de Galicia en consonancia cos obxectivos de desenvolvemento sostible.

  1.