Poñamos que falo de Madrid

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

siro

08 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Si, do Madrid cantado por Antonio Flores e Joaquín Sabina. O Madrid onde se cruzan os camiños, os paxaros visitan o psiquiatra e as estrelas esquecen saír. O Madrid onde o pasado martes se celebraron as eleccións máis tolas da democracia, cunha campaña na que dereitas e esquerdas invocaron a liberdade, con ira; e Isabel Díaz Ayuso puxo su lindo pie, tan chiquitito, sobre a furna e esmagou os contrincantes.

Eu non creo que todos os votantes de Díaz Ayuso votasen tamén a Trump, Marie Le Pen, Salvini ou Bolsonaro. Estou certo de que os máis deles non menosprezan os inmigrantes, non queren limitar o peso do Estado na economía, nin reducir o Estado do benestar, nin negan a ameaza do cambio climático. Díaz Ayuso fai todo iso, ofrece solucións sinxelas a problemas complexos e chama «liberdade» á ruptura coas normas que favorecen o ben común. Pois unha de dúas: ou o electorado non se enterou, porque non llo explicaron; ou sabíao e non lle importou porque o prioritario era castigar a Pablo Iglesias e Pedro Sánchez. En política nada é irreparable, pero o dano que os dous fixeron á esquerda é enorme.

Os analistas políticos, que coinciden en sinalar as causas do éxito de Díaz Ayuso, discrepan nas consecuencias. Uns pensan que é o comezo da reconquista que levará o PP á Moncloa, e outros que non se poden extrapolar os resultados. Eu tiña en mente un artigo diferente, orixinal, espléndido; pero pasoume o de tantas veces. Sempre que se me ocorre unha xenialidade, descubro que se me adiantaron Matisse, Picasso, Chagall, Seoane, Castelao, Chejov, Valle, Wenceslao… Nesta ocasión eu quería anunciar o nacemento do nacionalismo madrileño, pero adiantóuseme a profesora Nieves Lagares cun artigo titulado A la madrileña, también es nacionalismo, publicado en La Voz o día 5, e escrito como a min me gustaría escribir o meu. En síntese vén dicir que Ayuso deu a Madrid capital unha identidade que non tiña desde Tierno Galván e que, á marxe do nacionalismo español que comparte con Vox e o PP, está a construír na comunidade un nacionalismo madrileño, con futuro.