Apuntamentos sobre a costeira do bocarte

Pablo Carrera TRIBUNA

OPINIÓN

María Pedreda

29 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O bocarte volveu aos praceres galegos deixando abondosas colleitas. Non é a primeira que o bocarte atraca na Mariña. Porén, chama a atención a espectacularidade do mansío. Hai xa 26 anos un fenómeno semellante, nesta volta no mes de maio, acontecera maioritariamente entre o Miño e as Cíes. 

Alá polos anos 60-70 do pasado século, a costeira do bocarte iniciábase nas costas do leste e avanzaba paseniño cara o oeste. Un comportamento rítmico, aproveitado polas industrias locais espalladas por toda a costa norte. E é que o bocarte do Golfo da Biscaia amosaba unha estabilidade no habitual para unha especie peláxica de vida curta, suxeita a unha variabilidade modulada polas condicións oceanográficas e climáticas, que fai complicado establecer unha relación entre os individuos adultos e o posterior recrutamento, a biomasa de peixes que se incorporan anualmente á poboación. Estabilidade aproveitada por croatas e especialmente italianos, que buscaron no Cantábrico as colleitas perdidas nas súas augas, introducindo a industria do anchoado (acciugai) a principios do século XX, incluíndo, xa que logo, Galicia, onde tamén asentaron estes novos «fomentadores do levante».

Certo é que esa estabilidade comezou a declinar cara a finais do século XX, desembocando na crise e peche das pesqueiras acontecida entre 2005 e 2010. O bocarte recuperouse ao mesmo ritmo que os estudos científicos tiveron un pulo. Hoxe comprendemos mellor a súa dinámica, onde os individuos de mellor condición, unha combinación de tamaño e vitalidade, froito de condicións propicias ambientais para transformar a maior dispoñibilidade de alimento en crecemento vexetativo e capacidade reprodutiva, actúan como verdadeiros transmisores e colonizadores de novos praceres. Pois esta poboación fornece a súa diversidade xenética a poboacións tan afastadas como a do Golfo de Cádiz. Un auténtico manancial que reverdece aos stocks do seu arredor.

No Golfo de Biscaia os pequenos bocartes localízanse ben afastados da costa, sempre a rentes da superficie, onde medran paseniño durante o verano para logo, ao chegar o outono, buscar acubillo en zonas costeiras, xunto cos seus proxenitores, para incrementar o potencial reprodutivo da poboación e, se a invernía non é dura, arrancar de novo o ciclo na primavera, cos adultos máis ben agregados durante á posta, avanzando cara a nós. Unha costeira que agardamos recupere a estabilidade de outrora e que complemente ás colleitas de sardiña que seica tamén tenden a recuperar os niveis históricos.