Como tratar á extrema dereita?

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

Jesús Hellín | Europa Press

27 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Mal, só se lle pode tratar mal. Hai dous ditos populares que amosan por que e explican como facelo. Ás veces a verdade non ten máis que un camiño, é o primeiro. O segundo é que non hai maior desprezo que non dar aprezo. A verdade do camiño que acaba de amosar esta extrema dereita é tan coñecida que non paga a pena enunciala. Pero pódese lembrar coa axuda dun experto historiador, Antonio Míguez, que o fascismo non é simple intolerancia, é unha cultura política que definiu moi ben George L. Mosse, e que non se pode disociar da práctica, como explica Ismael Saz. Moitos expertos no tempo e a cultura do fascismo teñen demostrado como historicamente a extrema dereita antidemocrática non pretende convencer, pretende vencer e para iso está disposta a usar todos os medios ao seu alcance, violencia simbólica e real incluída. Pouco segredo ten o asunto. O que asombra é que siga habendo dirixentes demócratas dicindo que pode haber diálogo coa extrema dereita, ou que, no colmo da inxenua ignorancia, pensen que poden tirar réditos políticos da relación co facherío.

Desprezalos, ignoralos, é o contrario do que se estivo a facer. O resultado foi converter un problema que só ten Madrid, Andalucía e Murcia, a importante presenza dunha dereita extrema antidemocrática racista, nun asunto do Estado. Moita razón ten Fernando Salgado cando se preguntaba nestas páxinas quen lles mandou aos medios públicos invadir os nosos fogares coas eleccións de Madrid, dándolles unha relevancia estatal da que carecen. Na trampa da extrema dereita caeron algúns medios dándolles horas en antena a cambio de audiencia e algunhas forzas políticas buscando os votos deles ou contra eles. Déronlles o camiño para ser e medrar. Saben usalo porque as súas regras non son as nosas e os nosos límites nunca foron os seus. Non se pode debater con eles, nin entrar no seu xogo máis que para acabar caendo nas súas provocacións. Non son máis listos, son máis desaprensivos e non son demócratas. Quedou claro estoutro venres, cando unha experimentada xornalista viu como uns marchaban do debate e outros quedaban. A democracia tenlles que permitir estar, porque se basea na liberdade e na representación dos intereses sociais, pero nin os partidos nin a sociedade (tampouco os medios) poden tratalos como demócratas.

Socialismo é liberdade foi un exitoso lema de 1976 que só os falanxistas negaron daquela. Era a época na que os colexios de monxas explicaban ás pupilas a diferenza entre liberdade (que viña imparable) e libertinaxe (que as monxiñas querían conxurar). Rocío Monasterio, por idade, nin viviu aquel tempo nin parece que recibira lección algunha sobre a relación entre socialismo e liberdade que construíu Europa. Por asombroso que pareza a súa segue sendo unha cultura e unha acción típica de Fuerza Nueva. Logo está Isabel Díaz Ayuso, á que nin sequera lle falaron da diferenza entre liberdade e libertinaxe.