A autonomía galega en caricatura

Siro
Siro PUEBLOGALLEGO

OPINIÓN

ILUSTRACIÓN: SIRO

Durante anos, tiven o privilexio do bufón para dicir en broma o que outros non podían dicir en serio

25 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

En 1984, Santiago Rey Fernández-Latorre propúxome trocar a oficina técnica de Bazán pola redacción de La Voz de Galicia para dedicarme só ao xornalismo. E aceptei. Foi un grandísimo acerto. Juan Ramón Díaz, o director, tivo o outro: «Vas debuxar cada día a caricatura do feito político máis importante na comunidade». Fíxena durante vinte e un anos e, para que nada quedase por analizar, botei a vista atrás e ilustrei os feitos relevantes desde o comezo da primeira lexislatura, en Nadal de 1981. O de maior repercusión mediática fora a renuncia de Francisco Vázquez á Secretaría do PSOE, en 1982, cando o Parlamento decidiu que Compostela sería a capital de Galicia; e trocou a traxectoria dun político que obtería maiorías absolutas como alcalde da Coruña nunha comunidade que votaba á dereita.

Facer a historia da autonomía galega en caricatura non podía reducirse a crear viñetas divertidas. Debería afondar na noticia e, se era posible, ir máis aló da noticia; con absoluta obxectividade sempre. Tiña onde escoller. Ademais da actividade parlamentaria, estaban as liortas polo control de deputacións, concellos e partidos; as voltas e reviravoltas para crear coalicións… A toma de posesión do presidente Fernández Albor con aquel «xuro ou prometo», premonición da súa candorosa idea da política; a inauguración da sede do novo Parlamento; a volta dos restos de Castelao con Xesús Alonso Montero lanzándose coma un tigre sobre o cadaleito, para abrazalo; a campaña electoral de 1985, que presentei como unha nova Guerra Irmandiña…

A actualidade dábame temas para ilustrar, pero nunca como aquel 31 de outubro de 1986, cando o vicepresidente Xosé Luís Barreiro e todos os conselleiros presentaron a dimisión a Fernández Albor. A caricatura reflectía a soidade do presidente, na cabeceira da mesa, e as carteiras dos dimitidos. O pé dicía: «O Goberno de Galicia». Pero Albor tiña un anxo custodio político, chamado Romay Beccaría, que en cinco días arranxou un novo Goberno con Mariano Rajoy como vicepresidente. O intento tivo continuidade na moción de censura presentada polo PSOE, co apoio de CG e PNG, que levou a González Laxe á presidencia dun goberno tripartito. O mesmo día entraban nun xulgado os documentos sobre a concesión do xogo en Galicia, que acabarían coa carreira política de Barreiro. Enténdese que ao recoller nun libro as viñetas daqueles anos, o titulase Cofrades do cristo da autonomía.

A maioría absoluta de Fraga nas eleccións de 1989 e a súa entrada á praza do Obradoiro con dous mil gaiteiros fixo que durante catro lexislaturas o debuxase coa gaita como símbolo de poder. Ata na campaña electoral de 1993, na que os candidatos eran monstros do Parque Xurásico, o Fraga Tiranosaurus Rex vencedor erguía a gaita en sinal de triunfo. Os enfrontamentos entre Romay e Cuíña para ser vicepresidente; a celebración do Xacobeo en 1993, con Julio Iglesias como embaixador; a viaxe de Fraga a Cuba e de Fidel a Galicia, para abraio do presidente Aznar; apareceron nas viñetas. Pero a sorprendente relación cordial entre Fraga e Beiras, en 2002, suxeriume unha das máis celebradas: os dous, compartindo mesa e mantel, dábanse a probar cadansúa sobremesa.

Así vio Siro el histórico almuerzo secreto entre Fraga y Beiras
Así vio Siro el histórico almuerzo secreto entre Fraga y Beiras SIRO

O desastre do Prestige rompeu a relación. Nas viñetas, Fraga chorou bágoas de chapapote e cando Aznar lle esixiu a cabeza de Cuíña, deulla. En maio de 2005 perdeu a maioría absoluta e queimou a gaita. Co bipartito PSOE-BNG «pasou o que pasou» e, ademais, o presidente Pérez Touriño aborrecía verse en caricatura. A perda da saúde levoume á xubilación e non puiden tratar -ben que o sinto- os gobernos de Núñez Feijoo.

Recentemente, doei ao Parlamento Galego 1.500 orixinais. En moitos tiven o privilexio do bufón para dicir en broma o que outros non podían dicir en serio. Sabíao Juan Ramón, o director, cando escribiu: «E aí está Siro para explicar o que non se entende».