40 anos dunha Galicia mellor

Alberto Núñez Feijoo PUEBLOGALLEGO

OPINIÓN

ED CAROSÍA

O Estatuto de autonomía de Galicia segue hoxe plenamente vixente porque mantén intacta a forza que lle brindou ser froito do concerto de tantas persoas que souberon superar as súas diferenzas para inspirarse nas súas coincidencias

24 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai 40 anos Galicia abría unha porta ao futuro coa promulgación do que é, aínda hoxe, o armazón máis básico da nosa autonomía: o Estatuto. Marcábase así un fito, o inicio dun tempo novo. Ese mesmo ano as engrenaxes da Galicia de hoxe botaban a andar, e só uns meses despois convocabamos as nosas primeiras eleccións autonómicas. Así comezaban catro décadas de autogoberno, estabilidade e crecemento non exentas de retos; corenta anos que hoxe son a base fundacional desta terra moderna, innovadora e chea de posibilidades.

O Estatuto chegou nun ano convulso, de avances e mudanzas, para levarnos da man nos nosos primeiros pasos como autonomía. Uns primeiros pasos que demos firmes e seguros, amparados polo consenso maioritario do que naceu a nosa norma institucional máis básica. Ao fin e ao cabo, unha das razóns polas que o Estatuto segue hoxe plenamente vixente é porque mantén intacta a forza que lle brindou ser froito do concerto de tantas persoas que souberon superar as súas diferenzas para inspirarse nas súas coincidencias.

Precisamente, o consenso e as conviccións que animaron o noso Estatuto son hoxe máis urxentes que nunca ante os tempos incertos que vivimos. Requirimos de novo de compromisos que apelen á defensa dos intereses de Galicia nun marco solidario, democrático e leal. É tempo de cooperación, como ten demostrado a sociedade galega neste longo ano de pandemia.

Estes galegos de hoxe, que se baten co virus e as súas consecuencias, son herdeiros de todos os que traballaron antes para legarnos unha Galicia mellor. Porque non chegamos aquí sós. Para ascender esta pendente, tivemos que subirnos aos ombreiros dos homes e mulleres que, moito antes de nós, desexaron para os seus descendentes unha terra máis forte, máis unida e máis solidaria. A historia do Estatuto é un claro exemplo dese fío que percorre a nosa historia e que une de forma indisoluble o noso pasado, presente e futuro. Por iso foi posible que, case medio século despois de que aquela gran xeración de galegos deixara plantada a semente do proxecto do Estatuto de 1936, aparecese unha nova congregación de homes e mulleres bos e xenerosos para rematar o traballo e emprender xuntos unha senda de futuro.

Os expresidentes Albor, Laxe, Fraga e Touriño, durante a entrega das Medallas de Galicia de 2009
Os expresidentes Albor, Laxe, Fraga e Touriño, durante a entrega das Medallas de Galicia de 2009 XOÁN A. SOLER

Corenta anos de progreso constante nos que Galicia e os galegos foron dotando de contido a ese Estatuto. Ou dito doutra forma, corenta anos nos que Galicia non deixou de mellorarse a si mesma. Un logro que debemos ao compromiso conxunto de toda unha sociedade e para o que é imperativo lembrar o labor dos que nos precederon no cargo e que foron poñendo as pezas que faltaban segundo íamos asumindo novas competencias. As mulleres e homes que conformaron os gobernos de Xerardo Fernández Albor, Fernando González Laxe, Manuel Fraga Iribarne e Emilio Pérez Touriño traballaron por e para Galicia no marco dun mesmo Estatuto que lles serviu, a todos eles sen distinción, como ferramenta esencial para que a nosa terra non deixase de prosperar.

O impulso de Galicia desde a aprobación do Estatuto abrangueu moitos ámbitos, partindo do institucional. Do seu texto emanaron o Parlamento de Galicia, a Xunta de hoxe, o Consello de Contas, o Consello da Cultura Galega ou o Valedor do Pobo: a nosa comunidade autónoma non se entende hoxe sen ningún deles. Con todo, tan ou máis importante foi o avance social e económico que se foi producindo en paralelo a este exercicio de autogoberno. Neste período, Galicia foi unha das comunidades autónomas nas que máis aumentou de media anual o PIB por habitante. E fíxoo, ademais, mentres reducía a fenda entre mulleres e homes. O progreso económico foi vencellado a un avance social sen parangón. A Galicia de 2021 multiplicou o número de persoal sanitario, de hospitais e centros de saúde, tan vitais nestes último ano. Corenta anos despois, Galicia é máis verde, como mostran os seus parques naturais; máis formada, grazas á sólida extensión do seu sistema educativo; e máis internacional, a través dunhas exportacións que non deixaron de medrar, e dun Camiño de Santiago que, aínda que milenario, colleu impulso nestas últimas décadas.

Hoxe, polo tanto, celebramos o aniversario dun Estatuto que marcou o inicio dun período inédito da nosa historia. Un tempo novo de crecemento e de consolidación dunha democracia madura e plena, que nos trouxo a certeza de que o autogoberno en Galicia é un modelo de éxito, mesmo cando encara os maiores desafíos.

Hoxe, ese fío que percorre a nosa historia volve emprazarnos a erixir outros corenta anos de éxito, concordia, estabilidade, superación e autoestima. Non me cabe a menor dúbida de que os galegos de hoxe e de mañá saberán recoller o testemuño do futuro. Unha vez máis.