Don Quijote contra Apofis

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira O MIRADOR DA CIENCIA

OPINIÓN

11 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Na mitoloxía exipcia Apofis era o deus do caos. Un bo nome pois para bautizar algo que ameaza a Terra: un asteroide duns 300 metros de diámetro que nos pasou relativamente lonxe hai un mes, pero que en 2029 pasará cerca da zona na que orbitan os nosos satélites xeoestacionarios (a uns 36.000 quilómetros). Pode parecer que un pedrolo de 300 metros tampouco é tanta cousa, pero pesa 20 millóns de toneladas e, ás velocidades ás que orbitan as cousas ao redor do Sol pola nosa zona (uns 100.000 km/h), cando un bota as contas resulta que a enerxía dun impacto con el sería unhas 100.000 veces maior que a da bomba atómica de Hiroshima. En calquera caso, tranquilos: os cálculos refinados publicados hai uns días indican que non caerá no vindeiro século.

Pero hai moitos asteroides. Dende que se tomou a ameaza en serio, en 1998, empezáronse a buscar asteroides próximos e de momento lévanse detectados máis de 25.000, 3.000 só no ano 2020, e 107 deles pasaron a unha distancia menor da que nos separa da Lúa. Non necesitan ser tan grandes coma Apofis para facer unha desfeita: o que caeu en Tunguska en 1908 puido ter uns 40 metros de diámetro, pero liberou a enerxía dunhas 300 bombas de Hiroshima. Iso si: o que caeu hai 65 millóns de anos e extinguiu aos dinosauros medía 11 kilómetros de diámetro e soltou 100.000 veces máis enerxía que a de Apofis. A misión Don Quijote da Axencia Espacial Europea pensouse para intervir colisionando a tempo contra un asteroide que nos viñese enriba e desvialo. A idea desbotouse, pero hai outras que van no mesmo senso.