«Que nos vacinen a todos canto antes»

Cartas al director
Cartas al director CARTASALDIRECTOR

OPINIÓN

CAPOTILLO

04 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Nin música

O 31 de marzo fun de acompañante para una cita ás 9.30 horas para a vacina contra o covid para maiores de 80 anos no centro de saúde de Acea de Ama (Culleredo). Chegamos ás 9.25 cun tempo espléndido e fóra, na entrada principal, esperaban máis de vinte persoas, case todas de idade avanzada e algúns acompañantes. Os citados foron aumentando considerablemente. Despois das dez aparece unha persoa que se supón chama aos asistentes para vacinarse. Como non se fai oír, todos se amontoan na entrada. Moi educada, manda dispersar. Sae do vestíbulo e repite a operación facéndose oír. Chama sobre unha ducia. Os maiores que foran citados e esperaban fóra do centro xa debían superar os corenta. Cando máis tarde se repite a operación, alguén lle di que ten cita para máis cedo e contéstalle que está chamando aos que teñen para as nove. Fóra do centro non hai nin un solo sitio para sentarse, como non sexa no borde da beirarrúa. Como tiven que buscar solución á crítica situación da persoa á que acompañaba, non sei se lle correspondería chamala a esa hora ou tería que esperar, pero entramos despois das dez e media. Arriba, na segunda planta, agardábannos os chamados con anterioridade que aínda non se vacinaran, os que xa se vacinaran e esperaban o cuarto de hora que aconsellan, e axiña se uniron os que viñan para a seguinte quenda. Pode que non houbera tantos coma na entrada, porque eramos poucos os que agardabamos o cuarto de hora naquel entorno. Eramos moitos nun entorno pechado e sen ventilación. Despois de recuperada, a persoa á que acompañei comparaba a experiencia cos campos de concentración. Tamén se preguntaba: e se chovera? Sei que, por circunstancias que descoñezo, foi un día excepcional, que habitualmente o trato é moi correcto. Que nos vacinen a todos canto antes, pero cun pouquiño de dignidade, sobre todo para os maiores. José Otón Mallo. Culleredo.

Imos ben co sol

Unha carta publicada aquí o día 30 demostra que aínda perdura o mito de que España fai a súa vida desfasada con respecto ao sol. Falso. Un acto en Santiago ás 13.00 hora española ocorre ao mesmo tempo que outro en Lisboa ás 12.00 portuguesas. Só difiren os números asignados no reloxo, referentes distintos xa asentados nas mentes colectivas de cada país. Dicir que os de Santiago van adiantados é como dicir que levan un adianto de calor os que usan a escala de temperatura Fahrenheit (na que se asigna o valor 212 graos á auga fervendo). En 1884, o creador do sistema de fusos horarios dixo que «todos aprenderán a súa hora do mediodía, sexa cal sexa o número que se lle asigne no reloxo, sexa o 6, o 12, o 18 ou calquera outro». Se saíse da tumba, imaxino a súa tristura ao ver como, en pleno século XXI, aínda queda quen non entende que é tan válido o número 13 de Santiago como o 12 de Lisboa. Jorge Mira. Baio.