E Toni, cantó

Francisco Castro
Francisco Castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

OPINIÓN

Jorge Gil | Europa Press

01 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai un capítulo de 7 vidas, a mítica serie de televisión protagonizada por Blanca Portillo, Javier Cámara e Amparo Baró, entre outros grandes, e no que traballaba tamén Toni Cantó, que resultou profético e que, visto dende os ollos de agora, case que dá medo. Igual que Os Simpson profetizaron o asalto á Casa Branca, aquela serie de Tele5 (cando esa canle facía algo máis que realities de xente siliconada) emitiu un capítulo no que Carlota (Blanca Portillo) falaba con David (Toni Cantó) para dicirlle: «David, no cambies nunca, corazón, sigue siendo siempre como eres». E David, ou sexa, Toni Cantó, en canto ela marcha, esmendréllase de risa e fala para si mesmo: «Ni remordimientos ni mala conciencia... Debería dedicarme a la política». Busquen vostedes a escena no YouTube. Cando vimos a serie pensamos: canta razón teñen os guionistas. Hoxe, vista de novo esa escena, en boca e corpo de Toni Cantó, dá, simplemente, medo.

 

Toni Cantó, coa súa fichaxe polo PP, representa xusto iso que dicía o seu inxenuo personaxe naquela serie: alguén sen remordementos nin conciencia. En sentido estrito é o que de toda a vida chamamos un chaqueteiro, alguén capaz de dicir hoxe unha cousa e mañá a súa contraria. Un exemplo do trumpismo pero en clave hispánica. A mentira como bandeira. Escoitámolo cando marchou de Ciudadanos: deixo a política, voume dedicar ao teatro. Non nos enganou. O seu é a interpretación. Poñer unha chaqueta e asumir un personaxe. Neste caso, facer de el mesmo. Unha mostra do peor que temos nesta democracia, si, imperfecta, onde nin aos partidos lles importa fichar xente así nin, peor aínda, aos votantes validar a alguén que ata hai dous días estaba poñéndoos a feder. Volvan ao YouTube e atoparán intervencións durísimas de Cantó, actorazo, contra o Partido Popular. Mais tanto ten, aquí ninguén lembra nada. Aquí nunca pasa nada. El, como dicía David, o da serie, persoa sen conciencia nin remordementos, daquela, tamén sen moral, volverá saír elixido. Volverá cobrar dos nosos impostos. Semella unha comedia mala da tele. Só falta que, a partir de agora, cando fale de ética e decencia, se escoiten uns risos enlatados. Como os daquela marabillosa e profética 7 vidas dos nosos tempos máis mozos.