Reporteiros falangueiros

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

25 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Teño varias amizades que son reporteiras de televisión. Fano moi ben. Encántame como falan, como transmiten, como se implican na actualidade, como amosan sempre o mellor deles, aínda que as condicións sexan adversas.

Nunca se queixan, pero fágoo eu.

Vin mozos a piques de esnafrarse por perseguir xente que viña da compra para pedirlle unha declaración de catro palabras. Necesitaban que constatase o frío que ía. Non era suficiente cos centímetros de neve na rúa, co tráfico cortado, co gorro, luvas e bufanda do propio reporteiro, nin tampouco co nariz e as fazulas queimadas polo aire xélido. Esvarou e case cae, mais a señora tivo máis pericia e fuxiu sen dicir ren.

Quero que fagan reportaxes e comenten, pero ás veces non é necesario poñer a súa saúde en perigo para que os creamos. Cunha imaxe das rúas desertas e conxeladas bastaba. E se esvara e parte unha perna? Por que os poñen ao límite?

Dá igual que falemos do frío ou da calor. Porque, para concienciar dos riscos das temperaturas elevadas, tamén puxeron a un reporteiro de TVE ás once e media do mediodía baixo o sol. Non é galego, pero semella, porque tirou de retranca para dicir que mellor era rematar a conexión nesas condicións. Foi moi aplaudido polo público, mais non así por algúns responsables do seu traballo. Os informativos de Castilla-La Mancha non aceptaron a mesma peza e acaban de ditaminar suspensión temporal de emprego de soldo para el.

Incrible. Necesitamos máis humor, máis empatía, máis retranca e menos intransixencia.