Diálogo. Anticipar o futuro

OPINIÓN

XOÁN A. SOLER

25 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Amaior crise implica o maior reto para o futuro dos galegos e galegas. Coa esperanza posta nas vacinas, camiñamos cara unha Galicia postcovid que implicará unha nova realidade, e para facer fronte aos novos problemas necesitamos algo máis que inercia e conservadurismo.

Galicia foise facendo un país máis cativo en termos relativos na última década, con caída da poboación ocupada, incapacidade para xerar emprego de calidade e un evidente problema demográfico. Ás dificultades estruturais engadiuse a crise derivada do covid, a de maior envergadura desde tempos da Guerra Civil. Pensemos que mentres na Gran Recesión a forte caída da actividade achegouse ao 3,8 % no 2009, no 2020 estivo preto do 9 %. A crise é un risco de maior desigualdade, de exclusión, de quebra social. É o momento de facer país, de afrontar os retos, de buscar acordos.

Vivimos xa un cambio de paradigma da política económica no que as políticas anticíclicas e expansivas relevaron en España e en Europa ás da austeridade aplicadas na Gran Recesión. Así, a mobilización de recursos dispoñibles implica unha oportunidade que Galicia non pode desaproveitar. É evidente que para saír dunha crise coma esta non chega a resposta dos mercados e cómpre unha axeitada potenciación das políticas públicas.

Pero máis alá do imprescindible papel dos gobernos, o diálogo político, económico e social constitúe un valor en si mesmo, un medio fundamental para acertar na saída da crise, un paso necesario para unha resposta democrática compartida que favoreza a resiliencia, a inclusión e a modernización. A estas alturas, Galicia carece de estratexia, de obxectivos, de modelo para a reactivación. É por iso que abrir o diálogo debe ser un punto de inflexión para canalizar sinerxías que axuden a orientar á Galicia cara a que queremos avanzar na década dos vinte. Cómpre desenvolver unha axenda galega 2030.

Trátase de construír, de compartir ideas e propostas realistas escapando dos extremismos e da demagoxia, que encontran nas crises o mellor caldo de cultivo. Diálogo e cogobernanza permiten un mellor clima social para afrontar a recuperación, para repartir custes e compensalos, para protexer a quen están en situación máis desfavorable, para apostar pola Galicia do emprendemento e as oportunidades.

Creamos na Galicia capaz de facer fronte ás dificultades. Non podemos quedar ancorados no debate do atraso secular, nin no debate centro-periferia, nin buscando responsabilidades exclusivamente fóra. Xa non basta con queixarnos, temos que ser quen de anticipar o futuro e acertar na estratexia galega de modernización, transformación e emprendemento.

Pensemos nas galegas rezagadas pola crise, nos mozos sen futuro na terra, en tantos galegos que non chegan a fin de mes. Galicia necesita solucións urxentes, que gocen de respaldo e da implicación de todos e a reactivación de Galicia comezará por recuperar o emprego dos galegos. Esta é unha tarefa de todos.

Na súa obra mestra, Saída, voz e lealdade, o gran economista Albert Hirschman abordou as distintas vías para dar resposta a escenarios de declive económico e político. Cada estrutura de gobernanza democrática ten que definir como facer fronte a esta crise. Algúns poden optar por formular saídas da crise con posicións rupturistas, outros amosarán a insatisfacción coa súa voz, e haberá quen reclamará lealdade como defensa do inmobilismo. Fronte a calquera destas vías pechadas, debemos abordar un mix de resposta democrática na que o diálogo leal e a participación das distintas voces permitan a saída da crise e a reactivación de Galicia.