A min que ma poñan


Pasei a fin de semana mirando sen parar para o móbil, convencido de que grazas a algunha clase de poder telepático podería facer que me chegase o SMS onde me citaban para vacinarme coa de AstraZeneca dentro dese plan para inocular coa vacina aos que andamos entre os 50 e os 55. Malia o meu desexo ansioso, non me chamaron (empezaron pola letra H, así que serei dos derradeiros). Para a miña desesperación, e falo por varios miles de colegas de xeración, España, como tantos países europeos, decidiu suspender a vacinación durante 15 días, co cal a miña vacina, como a de millóns de persoas, chegará quen sabe cando, e, como non teño un pai nalgún país árabe ao que visitar, non podo facer como as infantas e, de paso que saúdo a papuchi, poñerme a vacina chinesa. Os que non somos da familia real padecemos esta clase de inconvenientes.

 

En todo caso, o da miña vacina non importa. O que si importa é que a política, tamén a sanitaria, anda abaneando sen criterio guiada polos rumores e pola especulación electoral. E malia que só sufriron trombos o 0,0006 % dos vacinados, é dicir, unha porcentaxe diminuta da poboación, e malia que os expertos nesas cuestións sinalan que probablemente os trombos ditosos nada teñen que ver coa vacina, o Goberno de España apresurouse a suspender a vacinación por un non vaia ser. Porque claro, imaxinémonos que España, usando o criterio científico e sanitario decide seguir adiante e aparecen un, dous, tres trombos (sería un cero ceromil cerocientos cero cero, por dicilo cunha brincadeira), se tal sucedese, todos os demais partidos acusarían de irresponsables a unhas autoridades sanitarias que, non hai por que pensar o contrario, están sendo absolutamente pulcras á hora de seguir os ditados de quen debe mandar nestes asuntos, a saber, a Axencia Europea do Medicamento (que valida a vacina de AstraZeneca).

Paréceme grave que algo tan importante como unha campaña de vacinación a grande escala se suspenda só por non ter que aturar críticas dos opositores políticos porque, coa ciencia na man, e escoitando aos que saben, non parece lóxica esa suspensión. Mais así faise case que todo en España. Tomamos decisións co CIS diante. E así non pode ser.

E se iso me preocupa, máis me preocupa que, a partir deste feito, os antivacinas, que están por aí, agochados, aproveiten o argumento para volver coa súa teima negacionista tan dolosa para a saúde dos demais.

A min que ma poñan. Estouno desexando.

Por Francisco Castro Escritor e editor

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
12 votos
Comentarios

A min que ma poñan