A mesma pedra

Francisco Castro
Francisco Castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

OPINIÓN

MANUEL P. BARRIOPEDRO

05 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Deben levar razón os que sosteñen que a historia é cíclica, e que sempre repetimos o mesmo, as mesmas parvadas, os mesmos desastres. Que temos tendencia a repetir erros, entre outras cousas, porque non coñecemos o pasado. Días antes do 40 aniversario do 23-F preguntei á miña filla de 12 anos se sabía algo do que pasara no 81, se lle falaran diso no colexio ou no instituto. Nada de nada. Abrín o Youtube e vimos aquel triste señor de tricorne e bigote do XIX pegando tiros. Alucinou. E eu expliquei. Ela pensaba que a democracia chegara así, de calquera maneira. Que a liberdade non había que pelexala.

Todo isto vén a conto do feito de que estes días estou vendo nunha plataforma, a mítica serie do ano 1978, Holocausto. Os máis vellos do lugar lembrarán aquel fenómeno televisivo que arrasou, coma Raíces, naquela tele única de canle única na que podías ver La Clave ou escoitar a Siniestro Total sen que a Audiencia Nacional se puxese nerviosa. A parte da marabilla de serie que é, un tira algunhas conclusións para o presente. Por exemplo, que hoxe a meirande parte do público non aturaría unha serie na que hai diálogos longos, escenas pausadas e reflexivas nas que se pretende, dende o rigor histórico, facer arte. E, por exemplo, e como lles dicía ao comezo destas liñas, que somos animais de repetición de erros, de rutinas fixas. De imbecilidades fixas, para resumir.

 No primeiro capítulo vemos todas as estratexias dos nazis para que a opinión pública considere que todos os males de Alemaña son cousa dos xudeus. Comezan dicindo que a meirande parte deles son ladróns. Eu, aí, pensei na estratexia de Vox cando larga con toda a súa soberana alegría que os menores non acompañados son, no básico, delincuentes. Así, sen pudor ningún. Ou que os estranxeiros quitan o traballo dos españois (debe ir por Messi, a cousa). Un ve Holocausto e, ademais de abrir moito os ollos co talento dunha Meryl Streep que comezaba a brillar, alucina coa estratexia violenta dos nazis, dende o punto de vista propagandístico, divulgando información que relacionaba aos xudeus cos índices de criminalidade ou achacándolles a propagación de enfermidades. Un visita as redes sociais de Vox (Twitter xa pechou unha vez a conta de Vox por, literal, «incitar ao odio») e decátase de que as fake news que moven por elas son exactamente calcadas ás que os das SS e a Gestapo divulgaban no seu momento.