Unha oportunidade de mellorar o noso sistema universitario

Julio Abalde TRIBUNA

OPINIÓN

CESAR QUIAN

03 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Plan Bolonia supuxo a estruturación dos títulos universitarios en tres niveis: grao como acceso ao mercado laboral, máster como especialización e doutoramento como acceso á investigación. Establecíanse intervalos de duración para cada nivel: grao,180-240 créditos e máster, 60-120 créditos. Maioritariamente os estados da nosa contorna adoptaron graos de 180 créditos pero, contrariamente ao que xeralmente se cre, un número importante de países implantaron graos de 240 créditos ou variables.

 

No noso país o debate incluíu aspectos extraacadémicos, como a regulación de distintas profesións, adoptándose naquel momento a duración de 240 créditos para todos os graos, excepto os que tiñan regulación específica europea.

En pleno proceso de posta en marcha dos novos títulos, o entón ministro de Educación José Ignacio Wert modificou o decreto de titulacións abrindo a posibilidade de establecer graos de 180 créditos. O debate do 3+2 ou 4+1 estaba servido e aderezado coa modificación das taxas universitarias, que aumentaba sensiblemente o custe da matrícula dos másteres con respecto aos graos. Introducíase no sistema, aínda non asentado, unha nova perturbación. As universidades, responsable e consensuadamente, tomamos a decisión de que graos similares deberían ter a mesma duración en todo o Estado, polo que os graos de 180 créditos só poderían implantarse con titulacións de novos contidos. Por isto, escasamente existen 60 graos con esta nova duración no estado.

Levamos máis de dez anos co Plan Bolonia plenamente implantado e, por tanto, debemos facer un exercicio de avaliación e análise do desenvolvemento dos novos títulos, especialmente analizando as universidades que adoptaron unha duración de 180 créditos. Existen estudos que indican que con esta duración dificilmente se poden alcanzar as competencias necesarias para o desempeño profesional. Adoptáronse solucións para compensar estas deficiencias: incrementar o número de créditos por curso, implantar másteres específicos de incorporación ao mercado laboral, etcétera.

Está a iniciarse o debate dunha nova Lei de Universidades, solicitada pola Conferencia de Reitores, e unha nova regulación dos títulos no noso país.

É o momento de establecer un debate aberto, sereno e académico sobre a duración dos nosos graos e másteres. Vexamos ao noso arredor e adoptemos as solucións necesarias. Os graos de 240 créditos preséntanse como unha boa solución. Temos unha nova oportunidade de mellorar o noso sistema universitario, ¡aproveitémola!