Escotomas sociais: os puntos cegos na violencia contra as mulleres

OPINIÓN

19 feb 2021 . Actualizado a las 18:25 h.

Comezaba as súas clases de doutoramento o gran profesor Juan Luis Pintos falando do escotoma. Trátase dun fenómeno físico paradoxal, como moitos outros, e que teñen a súa translación no mundo social. Neste caso, servíalle para explicar como se conforman os imaxinarios sociais pero éche tamén unha boa coartada para entender de que maneira funcionan algúns sistemas ante unha situación dada, por exemplo, o xudicial ante a violencia de xénero. E que ven sendo? Para quen non o saiba (eu entón non o sabía): pois que o nervio óptico funciona gracias a adecuación que realiza o noso cerebro sobre o que se «interpreta» naquela zona gris que non vemos e que resulta ser o punto cego do ollo. Este escotoma ou punto cego no «encadre» da visión humana é o que produce que paradoxalmente vexamos. É aquí o quid da cuestión. Por que ante os mesmos feitos probados, xúlgase diferente? Sabemos que a realidade social é unha construción que realizamos baseándonos nunha interpretación e nese exercicio a nosa posición de partida marca unha diferenza. Esta posición no tema que nos ocupa son os seus puntos cegos onde se está impartindo xustiza sin ser interpretada coa perspectiva de xénero necesaria para entender a violencia exercida contra as mulleres. E cal é o resultado? Pois que as mulleres non estamos sendo tratadas como suxeitos de pleno dereito e séguese a ningunear a súa palabra e tamén, aos propios feitos obxectivables, que non se interpretan adecuadamente nin se indaga onde é necesario. Por iso os requisitos que xudicialmente ven imprescindibles para considerar a veracidade dunha declaración, un exemplo entre moitos outros, non ten lugar no caso dunha muller en situación de violencia no ámbito da parella. Por que? Porque o illamento social non axuda no achado das corroboracións periféricas, un dos elementos a ter en conta; a coherencia dun relato sen fisuras é complicado nun cadro de dependencia emocional, outro; e o máis paradigmático, dificilmente vas ter ausencia de incredibilidade subxectiva (móbil do resentimento) cando a persoa da túa maior confianza agora mátate a prazos. Constatamos que estamos vivindo un cambio de paradigma no Tribunal Supremo neste tema e estase creando outra doutrina, pero canto tardaron? Ata que se deron conta que había que contar con outros especialistas. Cómpre lembrar á xudicatura doutro paradoxo, neste caso, epistemolóxica: non sabemos o que non sabemos. Por iso para que o principio de igualdade sexa efectivo hai que realizar unha reforma profunda nas leis en todos os ámbitos do dereito para ver toda a realidade e dotarse dun criterio fundamentado. E para iso hai que contar coa socioloxía, a psicoloxía, a ciencia política, a filosofía... Tense que contar coas ciencias sociais se se quere entender a realidade social e non só quedarse cunha parte que só mira aquilo que sabe ver. Por iso non é o mesmo mirar que ver. E por iso, hai ocasións, que para ver, hai que recoñecer que andas a cegas.