Galicia ten un plan frente o «ti vai facendo»

Encarnación Rivas Díaz DECOTÍO

OPINIÓN

XUNTA

18 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A Lei de Ordenación do Territorio de Galicia acaba de entrar en vigor e con ela a sociedade galega acada a súa madurez, en termos de ordenación do territorio. Este camiño iniciouse coa aprobación das directrices de ordenación do territorio, do Plan de Ordenación do Litoral, continuou coa Lei do Solo e do seu regulamento, e avanzou coa aprobación do Plan Básico Autonómico e das Normas Técnicas de Planeamento.

Desde a convicción de que o territorio é o noso ben máis prezado, con esta nova lei a Xunta completa así o corpus normativo dunha planificación que en demasiadas ocasións se presentou como un problema en vez de como unha solución.

A cidadanía reclamaba unha planificación coherente do noso territorio e manter unha relación de equilibrio entre a contorna construída e a natural. Esta lei naceu para responder a ese obxectivo, baixo os principios de racionalidade, planificación, colaboración e cooperación interadministrativa. A lei configura os instrumentos de ordenación do territorio de xeito integral e integrado, ao tempo que harmoniza todas as escalas espaciais da planificación e establece mecanismos de avaliación dos aspectos ambientais, territoriais, paisaxísticos, económicos e sociais.

A visión do territorio dende a escala autonómica permite ter unha perspectiva global dos nosos problemas e potencialidades, e complementa a visión microscópica dos plans xerais de ordenación municipal. Sen ignorar a autonomía dos concellos, é esencial que contemos tamén cuns obxectivos e instrumentos de carácter supramunicipal, que reduzan os problemas da vida cotiá de toda a poboación de Galicia e corrixan os desequilibrios resultantes da nosa variedade territorial.

A ordenación do territorio non é un eslogan baleiro, senón nin máis nin menos que a expresión no espazo físico das políticas económicas, sociais, culturais e ecolóxicas. En Galicia debemos aspirar a un sistema equilibrado e policéntrico de cidades e a unha nova relación entre campo e cidade, que integre as distintas perspectivas sectoriais, garantindo un acceso equivalente ás infraestruturas e ao coñecemento e xestionando a protección da natureza e do patrimonio cultural.

Xa que a sociedade galega é a verdadeira protagonista da planificación, na Xunta esperamos a súa implicación e resposta. Confiamos en que, co necesario acordo entre os técnicos, toda a poboación e os seus representantes, a ordenación do territorio deixe de ser unha regra sobre o papel para converterse en motor de desenvolvemento que conxugue os intereses xerais e particulares.

A ordenación do territorio é un acto de vontade consciente, é poñer orde onde antes había caos. A aspiración da Xunta de Galicia e o obxectivo polo que levamos máis dunha década traballando é substituír a imprevisión continua pola planificación constante, o «ti vai facendo», polo urbanismo responsable. Basta de improvisación. Galicia ten un plan, e queremos que os plans saian ben. Agora só necesitamos que os concellos, o resto de administracións públicas e, sobre todo, todos os galegos, sexan cómplices na ordenación racional do noso territorio. Temos a garantía de que a lei de ordenación do territorio é un moi bo plan.