PP: financiamento, corrupción e Cataluña

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

Ricardo Rubio | Europa Press

17 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

É lugar común dicir que o PP é un partido esencial no sistema político español, por posición, goberno e tradición. Sendo iso evidente folga dicir a súa importancia en Galicia. O paso do tempo colocouno no centro do sistema dende que na década dos oitenta a terceira xeración do franquismo, a que fixo a Transición, colapsou politicamente xunto co seu instrumento político, a UCD. A segunda xeración do réxime agrupada en Alianza Popular, liderada por Manuel Fraga contra vento e marea e ampliada cun feixe de mozos profesionais de familias da elite, lograron facer converxer no seu proxecto de «maioría natural» a toda a dereita. O resultado foi un gran partido que chamaron Popular. Despois o PP gañou as eleccións, denunciando a corrupción e reclamando a alternancia, contra un PSOE que non cedía votos nin goberno despois de tres lustros. O PP chegou ao poder e colouse na cerna do sistema político e institucional, mimetizándose con el, como fixera en Galicia dende 1981.

A súa mala praxe financeira non é nova, coñécese dende o caso Naseiro —que ninguén parece lembrar—, coincidindo coa fundación do novo partido en 1990. A mala praxe viña, como o vilalbés Naseiro, de Alianza Popular e foi a continuidade daquelas prácticas impropias de financiamento a que trouxo aos populares ata a situación na que hoxe están. Pero o que fixo posible o arraigo desa práctica foi o sobresemento xudicial, político e xornalístico daquel caso, e por tanto, a indiferenza social. Non abonda, nunha democracia moderna, poñer a desculpa xudicial. Non se queremos saber que e por que está pasando isto no PP, un partido que fixo dopaxe electoral, porque concorría aos comicios dopado de diñeiro negro e arroupado de afinidades non electivas senón comerciais. Iso mata, senón a democracia, si aos partidos. O sistema non pode funcionar así, non é crible nin aceptable. Sábese por historia e por decencia.

Tampouco podemos supoñer que este é un asunto do PP estatal. Os antecedentes e os protagonistas galegos impiden aceptar esa inxenuidade e obrigan a actuar para, como quere Pablo Casado, pasar páxina e presentarse limpos. Nos patios madrileños chégase a falar de refundar e renomear o Partido Popular para facer a catarse que a situación require. Saben que a aparición de Ciudadanos primeiro, e de Vox despois, ten en parte que ver coa evidencia insoportable da corrupción política e empresarial que orballa como calabobos. Para o PP o pasado non dá pasado e por iso necesitan unha solución antes das vindeiras eleccións. Saben que a perda de votantes non é mérito da esquerda nin dos competidores, senón demérito propio. Saben que están nunha fortaleza electoral sitiada e que algo teñen que facer despois do resultado de Cataluña.