Unha fotografía

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

PEPA LOSADA

13 feb 2021 . Actualizado a las 19:26 h.

O pai de Manuel emigrou a Suíza contra mediados dos anos 60 do pasado século. Primeiro pasou un tempo en Cataluña, pero en Berna a construción puxaba, e pagaban ben. En Barcelona casou con Amparo, unha veciña da Mariña luguesa. Xuntos traballaron para os suízos durante case dezaseis anos, ela de cociñeira e el de albanel e no que tocase, a carón de italianos, turcos, gregos e alxerianos. Alí naceu Manuel e, daquela, os pais acordaron volver a casa. Non querían que o fillo se afixese fóra do país, e tampouco estaban moi conformes con deixalo cos avós na aldea como facían outros.

A realidade política española mellorara, abríanse novas perspectivas, e viñéronse os tres.

Cos cartos aforrados fixeron o que tantos paisanos nosos: montaron un bar e puxéronlle o nome do barrio suízo onde viviran. Morreron os avós, uns na aldea e outros na vila, e Amparo e Manuel seguiron co bar, que tamén servía comidas. Non era gran cousa pero daba para o que máis os animaba aos dous: procurar estudos e un porvir para o rapaz. Mais Amparo morreu cedo, e o rapaz quedou co pai a axudalo no bar. En parte por non deixalo só e sacar adiante a vida xuntos.

Pouco a pouco Manuel deixoulle o bar ao fillo, a ausencia de Amparo deixárao moi amurchado, e entón o segundo Manuel coñeceu a Adelina. Casaron, pediron créditos, endebedáronse e ampliaron o negocio. Non moito, só para darlle un aquel máis moderno e competitivo. No 2008 naceu o primeiro fillo, tamén Manuel, e no 2010 o segundo, que acordaron chamar Ramón, coma o pai de Adelina. Ese mesmo ano empezaron os problemas: a crise financeira, as preferentes, que tamén lles afectaron, a depresión laboral na bisbarra luguesa… Os créditos aínda estaban a medio pagar e o proxecto de Manuel e Adelina, que era dar carreira aos rapaces, esta vez si!, para que voasen máis alto, empezou a complicarse.

O golpe definitivo é o covid, a pandemia que nos abafa. Non é só que empezasen a faltar os subministros e que as restricións impidan un normal desenvolvemento da actividade, xa nos últimos tempos ben escasa: desapareceron os seareiros, non hai clientes, e os poucos que hai teñen medo, igual que teñen medo eles, o que obrigou a pechar a modesta casa de comidas. Levan meses sen traballo, mesmo con dificultades para xestionar axudas, dada a súa condición de explotación familiar e non seren asalariados. Coa chegada de veraneantes ou xente de vacacións, que na zona é un recurso moi importante, tampouco se pode contar.

Onte chegounos unha fotografía, que distribuíron entre familiares e amigos. «Cerramos».

Nin para vender están as cousas. No retrato aparecen os dous, Manuel e Adelina, e os fillos, que teñen oito e dez anos, Manuel Terceiro e Ramón, os catro diante do mostrador, a xeito de despedida. Ao fondo, no andel entre as botellas, un marco co retrato do primeiro Manuel e mais Amparo.