Sobre linguas e opinións políticas

OPINIÓN

XOÁN A. SOLER

11 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

É ben sabido que as linguas sempre foron obxecto central do debate político. Ademais, ao ser a lingua o ben humano máis definitorio da nosa especie, todo o mundo forma unha opinión sobre a mesma. Unha outra cousa é a análise histórico-científica que dela se fixer, nomeadamente en casos, como o noso, de conflito lingüístico. Tal noción non ten a ver con andarmos a labazadas, senón cunha situación onde a lingua orixinal da Galiza se encontra en posición de franca inferioridade verbo da lingua oficial do Estado. En que indicadores se basea este aserto? Lingua predominante nas institucións públicas, no uso eclesiástico, no notarial e da Xustiza, no mediático, no audiovisual, no radial e televisivo; no uso socialmente visíbel e audíbel, en definitiva. Tamén no ensino. O minguado uso do galego como lingua normal do mesmo está moi lonxe de acadar ese terzo de proporción equivalente aos outros dous representados polo español e o inglés. En absoluto. A maioría do alumnado galego pode familiarizarse máis co inglés que co galego na súa práctica diaria, e xa non digamos co español.

 

En segundo lugar, todas as linguas normais se absorben por inmersión. Todas. Desde a primeira infancia. Tan é así que a Xunta programa e paga estadías en países anglofalantes para os escolares aprenderen mellor o inglés. O que vale para este idioma resulta improcedente para o galego ou o catalán? O «modelo galego» está moi lonxe de garantir unha mínima presenza para a lingua que todas as administracións, na letra da lei, teñen obriga de amparar e de potenciar. A piques de rememorar o 40 aniversario da proclamación do Estatuto galego, o balance é desolador. Onde o tan pregoado bilingüismo? Para cando o cumprimento do Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobado por unanimidade no Parlamento galego en setembro do 2004?

A Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias (fun testemuña da súa elaboración) ou a Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos, asumida pola Unesco e da que fun corredactora (ambas aprobadas polo Estado español, polo Congreso e polo Parlamento galego), non se cumpren na Galiza. A primeira estabelece un abano de uso público a cuxos mínimos nós non chegamos. A segunda prevé a necesaria intervención dos poderes públicos para garantir os dereitos lingüísticos como dereitos humanos que son, condición que no caso galego tamén non se cumpre. É o galego unha lingua ou é unha sub-lingua-fala para andar por casa? Esta é a realidade. O galego merece moito máis do que ten.