Vacinas, farmacéuticas e desaprensivos


Non poderá facerse a crónica deste tempo sen anotar o papel da industria farmacéutica e o seu negocio en relación coa investigación, produción e distribución de vacinas. Tampouco sen dar conta do grao de insolidariedade dalgunhas élites. A investigación, en todo o mundo, e dende comezos do século XX non existe sen o impulso estatal e o financiamento público. No ámbito privado hai inventos e desenvolvementos pero non investigación no longo prazo. No ámbito medico e farmacéutico a investigación privada é simplemente imposible e a súa subvención -sempre comentada e publicitada-, unha pinga nun océano. Pese a que nas últimas décadas as lóxicas privatizadoras parecen devolvernos ás orixes das revolucións industriais con esa imaxe de garaxes produtivos que rememora a Watt, Edison ou Tesla -tan de moda- e fundacións de renome queren reproducir á Rockefeller ou a Getty. Non hai investigación privada detrás destas vacinas: a formación dos investigadores, as súas publicacións, o seu percorrido, as instalacións e infraestructuras que sustentan o máis importante do seu traballo, son públicas. Nada comparable ao esforzo dos estados. Por iso no modelo autoritario a vacina vai máis rápido. Tiremos conclusións do que iso significa, esta significando xa, para a democracia como sistema e do custe que pode causar á súa reputación.

 

Os señoritos sempre foron os primeiros, o seu drama foi e segue sendo a súa multiplicación. Gracita Morales sabíao ben e por iso ríase tanto deles. Aspiran a asemellarse á aristocracia sen conseguilo, porque esta é escasa, amais de longamente decadente, pese á recente inflación de títulos franquistas. A desesperada angueira dos señoritos destaca cando logran distinguirse conseguindo a única mesa dun restaurante ou unhas entradas negadas á maioría. Están afeitos a eses pequenos praceres de distinción, parécelles normal. Trincando vacinas que non lles correspondían por idade, nin dignidade, nin goberno apareceron a feixes estes señoritos aproveitados: conselleiros que reclaman ser médicos e non políticos con moito corporativismo e ningunha deontoloxía, alcaldes de PSOE e PP nacidos ou aprendidos para mandar, xerentes e xestores que rozan a sanidade ou viven dela sen practicala nin en foto, pero tamén altos funcionarios e sanitarios xubilados que non se preguntan por que eles si e os maiores -seus pais- non, e militares e bispos, que son humanos e de aquí. E todos os que non sabemos, que tamén nisto hai clases, como amosan os ingleses, clase, diñeiro e poder: saben ben en Albión que non serve unha sen os outros.

O peor dos nosos vacinados indebidos son os argumentos. Non pode facerse a crónica deste tempo sen comparalo cun naufraxio, no que os desaprensivos tiran lastre humano pola borda, mentres acumulan os recursos que lles permitan prolongar a travesía cara porto seguro.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
21 votos
Comentarios

Vacinas, farmacéuticas e desaprensivos