Por que ten sentido unha xestión galega da autopista

Francisco Menéndez DIRECTOR DA AXENCIA GALEGA DE INFRAESTRUCTURAS

OPINIÓN

xoan a. soler

07 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai poucos días comezou no Congreso dos Deputados a tramitación da lei que permitirá o cambio de titularidade da Autoestrada do Atlántico en favor da Xunta de Galicia, que a partir da súa aprobación sería a responsable da xestión.

A Administración autonómica leva máis dunha década defendendo a viabilidade xurídica desta transferencia, e, unha vez ratificado que estaba no certo na súa postura, agora que a respaldan todos os grupos políticos galegos e a maioría da Cámara Baixa acepta debatelo, cómpre lembrar cal é o obxectivo que se está a perseguir.

Todos os galegos somos conscientes da importancia da AP-9, e do que significa para a mobilidade, tanto das persoas como das mercadorías. A súa construción serviu para apuntalar o que coñecemos como Eixo Atlántico, achegando a cinco das sete cidades de Galicia, de modo que en moitos aspectos constitúen unha unidade funcional. Nela conflúen vías tan importantes como as autovías que conectan Galicia coa Meseta, as que unen -ou unirán- Santiago con Lugo e Ourense, e as que se dirixen cara á costa polo oeste.

Dende a Xunta tamén somos conscientes de que a AP-9 supón cada vez máis unha excepción no conxunto das autoestradas do Estado, dadas as subas de peaxes que se están aplicar, e polo contraste coa reversión de múltiples concesións que se veñen sucedendo en España nestes anos. O cambio de titularidade en favor da Xunta de Galicia é un primeiro paso para aproveitar ao máximo a capacidade e potencial da autoestrada.

En 2017, co anterior Goberno de España, constituíuse unha comisión bilateral de xestión da autoestrada, na que Galicia, a través da Xunta, por primeira vez tivo a oportunidade de trasladarlle á concesionaria e ao Executivo estatal aquelas cuestións que máis preocupaban aos galegos no seu día a día en relación coa AP-9. Serviu para poñer enriba da mesa demandas para flexibilizar as peaxes ou facer seguimento das obras en execución. E, como logro especialmente relevante, en xaneiro de 2018 obtivemos o compromiso de liberación da peaxe de Redondela. Polo tanto, demostrouse que a proximidade na xestión é un valor que, máis aló da capacidade técnica da administración titular, permite orientar as prioridades ao que máis se necesita realmente.

A transferencia implicará ademais, de modo automático, que a xestión da vía e das súas zonas de protección se rexa por unha Lei de Estradas de Galicia, máis adaptada á realidade galega. Tamén se axilizará a resolución de problemas como o que agora existe coa conexión da Vía Ártabra coa AP-9, cun longo proceso de autorización por parte do Executivo español que, como sucedeu coa conexión coa Cidade da Cultura, corre o risco de retrasar a posta en servizo da nova infraestrutura. A Xunta de Galicia ten claro que a AP-9 xa tivo o seu impacto sobre o territorio coa súa construción, e cómpre aproveitala ao máximo para liberar de tráfico travesías como a da N-VI, ou as da N-550, mellorando a mobilidade e a calidade de vida dos veciños e reducindo a sinistralidade.

É ademais un momento importante, no que de levarse a cabo a bonificación das peaxes que se anunciou, pero que aínda non se materializou, debe facerse de acordo coas prioridades dos galegos. E cómpre que a Xunta de Galicia sexa decisiva nese proceso.

A AP-9 debe transferirse coas ferramentas necesarias para a súa xestión, económicas e técnicas, e coa dotación precisa para a execución das obras que estean previstas de aquí ao final da concesión, sexan de mellora da seguridade, de protección acústica ou de ampliación de capacidade. Con estas premisas, que a Xunta de Galicia asuma a xestión da AP-9 suporá unha gran responsabilidade e precisará dun importante esforzo, pero considero que paga a pena e que será realmente beneficioso.