Respecto e veracidade

Servando López DECOTÍO

OPINIÓN

PRADERO

05 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A pandemia é unha crise sanitaria e económica de consecuencias nunca antes vistas, e tamén caldo de cultivo perfecto para a desinformación e o oportunismo, situacións ambas nas que non debemos caer nin profesionais nin autoridades sanitarias. Os anestesiólogos e outros moitos profesionais sanitarios de diversas especialidades levamos case un ano traballando en primeira liña contra a pandemia. Esta afirmación é unha realidade. E o sucedido nalgún programa televisivo non fai máis que menosprezar o traballo dos anestesiólogos neste período e o único que consegue é crear medo e xerar inquedanzas na cidadanía, baseándose en medias verdades ou malas interpretacións das mesmas. Afirmase que «unha cama de reanimación non é unha cama de intensivos». Falso, as camas de intensivos que xestionan os servizos de anestesioloxía son tan estruturais como as dos servizos de medicina intensiva. Dubidar da nosa capacidade e formación simplemente é unha falta de respecto froito do descoñecemento ou, se cadra, de certo afán sensacionalista.

A nosa especialidade inclúe formación en coidados intensivos tanto en España como en Europa. O nome en Europa da nosa sociedade científica é European Society of Anesthesiology and Intensive Care. Non está de mais lembrar que o 75 % dos intensivistas europeos son anestesiólogos e que máis da metade das camas de coidadados intensivos en España son xestionadas habitualmente por anestesiólogos.

No contexto desta pandemia, os servizos de anestesioloxía atendemos máis da metade dos pacientes covid-19 que precisaron unha cama de coidados críticos.

Somos polivalentes, levamos no noso ADN o traballo en equipo, traballamos multidisciplinariamente con outras especialidades co obxectivo de salvar vidas e dar unha atención de calidade; sabemos da nosa versatilidade e somos líderes naturais no manexo de crises. Así é o noso día a día.

Non queremos que se dea de menos o noso importante labor (nomeadamente durante a crise sanitaria) con tanto descaro. Reclamamos información veraz de cara á cidadanía. A nosa mensaxe é clara e vén referendada co noso traballo cotián; traballamos en equipo e en múltiples áreas: consultas, quirófanos, salas de procedementos (radioloxía, dixestivo, respiratorio, queimados, etcétera), unidades de dor aguda e crónica e unha parte importante dos anestesiólogos e anestesiólogas dedícanse habitualmente a coidados intensivos que non gardan relación cos casos do covid-19.

Traballemos xuntos, colaboremos e coexistamos os equipos de coidadores de doentes críticos e apoiémonos, hoxe e sempre, no noso traballo, que ten un único obxectivo final: o benestar do noso paciente, covid e non covid.