Onde están os mestres nas universidades?

Celso Currás
Celso Currás DECOTÍO

OPINIÓN

04 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Resulta moi estraño atopar un profesor de universidade que presuma de bo docente e, pola contra, abondan os que alardean de ter chegado a catedráticos, contar con investigacións ou publicacións de prestixio ou haber desempeñado importantes cargos no goberno desta institución. Hai moito tempo que a meritocracia é o eixe da vida interna da universidade e como consecuencia os profesores tratan de impartir as menos clases posibles, co fin de dedicarse con prioridade á promoción profesional, outras actividades académicas ou mesmo para evitar conflitos co alumnado. Saen beneficiados desta situación os profesionais con maior categoría, pois acostuman botar man dos das inferiores que, á súa vez, loitan polo ascenso nun proceso non exento de tensións e mesmo de inxustizas.

A primeira razón deste despropósito é que a promoción profesional e económica do profesor non vén dada pola docencia, senón pola investigación, postos de traballo ou cargos que facilitan a consecución dos ansiados sexenios, dereitos de autor ou liberacións de clases. As rara avis que dan prioridade ao ensino poden contar pouco máis que co recoñecemento dos alumnos e este, hoxe en día, brilla pola súa ausencia. Valórase máis aos docentes que son amigos dos estudantes e aproban moito, que a aqueles que non fan a pelota e se esforzan en manter o rigor e o nivel que debe ter a universidade. Para conseguir isto fai falta autoridade e esta hoxe non mola e o que aínda é peor, confúndese con autoritarismo. Porén, e esta é a segunda razón, ditos profesionais, esixentes consigo mesmos e cos alumnos, acaban por ceder á presión social ou da Administración e adoptan unha postura de pasotismo que priva á universidade de bos mestres, esenciais para esta institución.

E en terceiro lugar, o vixente Plan Boloña, que ten como obxectivos principais centrar o ensino en estratexias flexibles de aprendizaxe e converter ao alumno en protagonista da súa propia formación, está a fomentar unha absoluta impunidade para relegar a segundo plano a docencia. Diante da pasividade dos estudantes, as clases téñense convertido nunha estraña mestura entre exposicións maxistrais e interacción entre profesores e alumnos. A estes só lle interesan uns bos documentos no campus virtual, para preparar o exame, e a superación dunhas prácticas, absurdas en determinadas materias, nas que cada vez participan menos. A aqueles venlles ben o río revolto para estaren tranquilos nos despachos mellorando o seu curriculum vitae.