O beneficio tramposo

OPINIÓN

29 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Nas trampas dalgúns que se vacinan antes de que lles corresponda hai certo delito moral, pero eu vexo tamén un beneficio. Recoñezo que ás veces admiro a persoas trampulleiras que son quen de enganar con certo enxeño, sempre e cando non lles fagan mal a terceiros nin á cousa pública. Poida que esta escura devoción veña por parte da miña familia materna, todos dados ás bromas e ás trolas amables. De aí talvez herdei un pouco da miña imaxinación e esa paixón pola escrita onde a mentira tamén é unha ferramenta valiosa (Ciorán dicía que era unha clase de talento) porque, no fin de contas, a literatura tamén ten algo diso. Todos sabemos que na propia palabra hai un disfrace por pequeno que sexa e todos asumimos que o que se nos conta nun libro de ficción procura máis a verosimilitude que a verdade en si, a ilusión de verdade da que tamén fala a psicoloxía. Lembro cando unha lectora dunha miña novela me preguntou se unha personaxe, da que dicía estar namorada, existira na realidade. Vina tan emocionada que non fun quen de lle dicir que non. E é que a verdade ás veces non nos serve. Agora ben, do mesmo xeito que son quen de ser benevolente con certas condutas tramposas polo que poidan ter de creatividade, non aturo a actitude soberbia daqueles que foron pillados in fraganti e adoecen por nos convencer de que todo segue a ser verdade, empregando a máxima propagandística de Goebbels de que repetindo con frecuencia unha mentira esta remata por se converter en verdade. Agora ben, malia non haber ningunha orixinalidade na trampa destes listos que se vacinan antes de tempo, ninguén pode discutir que, no fondo, están a facer unha magnífica campaña publicitaria para borrar as reticencias de quen se negaba a recibir a vacina.