A quenda da vacinación

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

FABIO MOTTA

25 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Estaba facendo cálculos de cando me tocaría vacinarme do covid, cando oio pola tele que xa hai unha maquiniña que cho calcula: a «omnis calculator». Vexo na pantalla a gráfica dalgúns resultados: a un adulto de 50 anos vacinarano dentro de dous anos e a un mozo de 25 en 40 meses. Abandono o telexornal e lánzome ao computador. Atopo unha páxina en inglés e, como as preguntas eran poucas, recheo o cuestionario e sáeme que a min tócame vacinarme entre o 15 e o 22 de xaneiro do 2021. Entón decátome de que usei a versión do Reino Unido onde vacinan a 2 millóns de persoas á semana. Rebusco por Internet e atopo a versión española, e aí comprobo que un adulto de 50 anos residente en Galicia, sen problemas previos de saúde, vacinarase entre o 1 de xuño de 2021 e o 1 de xaneiro de 2022. A min, por idade e residente en Madrid, tocarame entre o 28 de febreiro e o 1 de xuño, segundo os datos proporcionados ao invento polo Ministerio de Saúde.

Témome que a máquina non calcula os alcaldes, funcionarios e autoridades diversas que, xunto coas súas respectivas esposas e familiares, saltaranse a cola, atrasando así o cómputo para os demais cidadáns. E seguramente tampouco terá en conta que o Goberno da nación está máis interesado en facilitar ao seu ministro de Saúde o triunfo nas eleccións catalás que en resolver os problemas loxísticos da vacinación: por exemplo, que se acabaron a xiringas adecuadas e estanse empregando outras coas que se perda unha dose en cada envase. En fin…