O ano que cambiou as nosas vidas


Foi un ano difícil. E o 2021, no que xa estamos, non pinta moito mellor, polo menos nos primeiros meses. Os antigos remexían nas vísceras dos animais para ler o futuro: touros, vacas, ovellas e carneiros ofrecidos aos deuses. Outros rezaban a San Sebastián e a San Roque. A nosa cultura occidental, descrida e laica, tende a botar man do coñecemento científico, as matemáticas e o cálculo de probabIlidades; ansiamos crer que dende a razón humana podemos explicar o mundo (e corrixilo), por mais que naveguemos nun océano inzado de incertezas. Seguimos sendo moi fráxiles.

Pinta o ano difícil, certamente, e non temos máis opción que perseverar. Con algunhas correccións necesarias. Cando empezaron as primeiras medidas drásticas de resistencia, o confinamento domiciliario da pasada primavera, o discurso dominante era de esperanza: xuntos venceremos a situación, dicían, desta experiencia sairemos máis fortes, máis unidos, mellores persoas e mellores cidadáns. Esta parte xa non está tan clara. Os últimos acontecementos (comportamentos) non son para botar foguetes. Por unha banda, a polarización dos discursos. A incapacidade para harmonizar a diversidade, sobre a que fundamentamos o noso sistema político, por certo, precisa dunha formulación de solidariedade que non deberiamos adiar. Por outra banda, a exemplaridade, da que tantas veces falamos nestas mareas, que debería ser cualidade esencial de calquera actuación pública.

As ultimas noticias relacionadas coa picaresca da vacina, esas autoridades (políticas, sanitarias, militares) que aproveitando a súa condición de tales se colan na fileira para recibir un tratamento privilexiado sobre o resto dos mortais, mesmo por riba dos protocolos que elas mesmas deseñaron, constitúen un escándalo que non podemos consentir. Entre outras cousas porque é tóxico, altamente nocivo para a saúde democrática. E contaxioso.

Cando un rapazolo do youtube, o tal Rubius, decide «exiliarse» a Andorra para evadir impostos (outro exemplo) está a reproducir un comportamento, sobre todo diante da xente nova que o segue, que el mesmo coñeceu neses outros casos que nos últimos anos infectaron gravemente a realidade social, dende personaxes do deporte e do espectáculo, santificados enriba de pedestais, a figuras tan significativas como o rei emérito, Juan Carlos, hoxe instalado nos Emiratos Árabes (a anos luz dos principios democráticos) ou o noutrora honorabilísimo Jordi Pujol, que estragou non menos escandalosamente as reivindicacións da causa catalana. ¿Son os tempos? Serán. Pero non podemos aceptalos. A experiencia destes últimos meses tamén amosou outros casos, case todos procedentes da grandeza do anonimato civil e cidadanía, aos que debemos aferrarnos. Porque necesitados correccións urxentes para manter a esperanza. Sen esperanza estamos mortos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
10 votos
Comentarios

O ano que cambiou as nosas vidas