Oportunidades europeas

Xaquín Fernández Leiceaga DECOTÍO

OPINIÓN

OLIVIER HOSLET / POOL

23 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O acreditado semanario británico The Economist concede cada fin de exercicio un recoñecemento como país do ano a aquel que, na súa opinión, foi quen experimentou o maior progreso. Neste malfadado 2020 escolleu a Malawi! Pero se a Unión Europea fose un país sen dúbida merecería ese galardón honorario. Xestionou o brexit con unidade e determinación; supuxo unha voz firme e temperada en política exterior; puxo un freo á deriva iliberal de estados no seu seo; pero, sobre todo, foi quen de dar unha resposta federal e solidaria á adquisición de vacinas a unha escala sen precedentes e ás necesidades dos seus estados membros en materia económica e fiscal.

Nun esquema federal, o esforzo do nivel central será infrutuoso se non vai acompañado da colaboración dos niveis descentralizados. O Next Generation é para algúns estados, como España, o colchón preciso para instrumentar políticas de alcance no axuste anticíclico da economía e na modernización económica. Existen documentos que concretan a promesa que representan eses fondos. O reto está en trasladar as palabras (dixitalización, transición ecolóxica, impulso á investigación, cohesión) aos feitos con acerto e rapidez, e os distintos ministerios están empeñados hoxe en facelo seguindo un plan explícito: «España puede», programa estratéxico en discusión coa Comisión Europea, real decreto lei que facilita a xestión.

Pero aproximadamente un 60 % dos recursos extraordinarios deste ano (React Eu e Mecanismo de Recuperación e Resiliencia) serán xestionados directamente polas comunidades autónomas, no marco das súas competencias exclusivas ou compartidas (sanidade, educación, vivenda, política industrial ou ambiental….). A Xunta de Galicia triplicará en 2020 a disposición de fondos europeos e disporá de máis de 1.200 millóns de euros de orixe comunitaria no seu orzamento. Que estamos facendo? Un programa de atención ás doenzas crónicas? Un instituto punteiro sobre o avellentamento? Redefinindo a formación profesional dual? Reforzando a transformación no país da produción primaria? Actuando sobre as rías para aumentar a superficie de produción marisqueira? Proxectos no ámbito turístico ou industrial? Son ámbitos competencias que definen o noso autogoberno. Costa traballo discernir un deseño cabal e unha ambición á altura dos desafíos e da oportunidade única coa que contamos. Aínda estamos a tempo. Para cando un documento da Xunta, discutido cos axentes sociais, que poida suscitar un amplo consenso político?