Reputación farmacéutica

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

22 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Se algún negocio hai noxentamente especulativo, ese é o farmacéutico, que, botando man de prácticas de dubidosa ética coma a espionaxe ou o acoso, agocha moléculas que curan enfermidades terminais por pouco rendíbeis ou, simplemente, mantén no sufrimento a milleiros de doentes que non poden pagar medicinas carísimas, sobre todo alí onde os sistemas sanitarios non poden entrar no Monopoly dos fármacos. Entre as persoas máis ricas do mundo están os cadros directivos das grandes farmacéuticas, así coma algún dos investigadores mellor pagados, non só polos réditos millonarios desta industria, senón tamén porque tamén acceden ás axudas públicas para a investigación. A especulación, ese cancro do capitalismo, xa é fea cando se trata de cousas inertes coma o chan, pero dá noxo cando se especula co prezo de cousas das que dependen vidas. Os moralistas, tan ocupados en medir o longo da minisaia ou en alugar as súas segundas vivendas, xamais se preocuparán por esta inxustiza global mentres eles poidan pagar as súas medicinas ou amañar unha vacina para si.

A quen lle importa que as vacinas contra o covid-19 non cheguen ao terceiro mundo? Ás farmacéuticas non lles resulta rendíbel a comercialización en lugares onde só un de cada dez habitantes podería pagalas. Pero o certo é que a OMS estabeleceu un programa polo que os países ricos doarían vacinas a países pobres, a día de hoxe, houbo cero doazóns. Só a vacina rusa chegou a Guinea, país de case doce millóns de habitantes, onde se administrou a 25 persoas. Será que as pandemias non afectan por debaixo do posto 100 en renda per cápita.

É a soberbia de nós, os ricos. Por sorte, os virus son máis igualadores que o comunismo.