Galicia inspira confianza

Francisco Conde TRIBUNA

OPINIÓN

JOSE PARDO

17 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Ninguén imaxinaba hai un ano o contexto socioeconómico que estamos a vivir. Unha etapa complicada que precisa da colaboración de todos para saír adiante. En Galicia sabemos do que falamos porque confiamos na nosa industria, ao igual que a industria confía en Galicia.

Unha cooperación que contribuirá a facer deste reto a oportunidade para transformar o noso sistema produtivo a través da innovación, a dixitalización, a transición ecolóxica... En definitiva, unha oportunidade para seguir estando ao lado das pemes e autónomos.

Un recente estudo asegura que sete de cada dez empresas galegas cren que en 2021 o comportamento da economía da comunidade será mellor que o de España. Un dato revelador da confianza que inspira Galicia.

É preciso seguir traballando na liña marcada pola estabilidade política e administrativa de Galicia e pivotar a recuperación sobre dous grandes estímulos que nos leven a ver 2021 como un ano para a esperanza: a vacina contra o covid-19 e os fondos europeos.

A realidade marca que hai obstáculos no camiño que debemos ser capaces de sortear todos xuntos. Lamentablemente, tres dos máis significativos están en Ferrolterra: Navantia en Ferrol e Fene, Siemens-Gamesa nas Somozas e a central térmica de Endesa nas Pontes. E os tres conclúen nun mesmo problema: está en perigo o emprego de centos de traballadores.

En Navantia, o estaleiro público, co apoio do Goberno, debe traer carga de traballo para Galicia, do mesmo xeito que acaba de facer en Andalucía (Navantia San Fernando), anunciando a construción dunha patrulleira para Marrocos. Sen novos proxectos, as gradas quedarán baleiras ata a chegada das fragatas F-110.

No caso das Somozas é incomprensible que a empresa decida pechar unha planta que fabrica pas para aeroxeradores en plena transición enerxética, onde as enerxías renovables, e polo tanto a eólica, teñen moito que dicir. Xusto a estratexia contraria ao que esta mesma compañía está a facer en Francia, onde constrúe unha planta en Le Havre para atender os proxectos no país veciño.

Igual de incomprensible é a errática transición enerxética que se produce en España, que lle serve de escusa a Endesa para pretender o peche da central sen ofrecer alternativas e sen dar continuidade aos postos de traballo, e máis aínda cando todo apunta a que é viable a utilización de biocombustibles.

Tanto nas Somozas como nas Pontes precisamos que impere o diálogo e o sentido común. Siemens-Gamesa debe recapacitar, pois tiña sobre a mesa alternativas industriais que garantían a continuidade da actividade. Unha man tendida que tamén debe marcar os seguintes pasos nas Pontes, onde desde a Xunta temos pedido a Endesa e Goberno que non se tomen decisións que poidan afectar aos traballadores sen antes coñecer os resultados das probas con biocombustibles.

Por iso avogamos por que nas Somozas e nas Pontes fagamos unha fronte común traballadores, Goberno e Xunta. A mellor solución sempre pasa polo diálogo. Se as empresas recapacitan e Goberno, Xunta e traballadores defendemos sen fisuras a continuidade da actividade industrial e dos empregos, estaremos máis preto de atopar unha solución.