Para cando a inmunidade de grupo?

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

DPA vía Europa Press

14 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Goberno, por incompetencia ou por comodidade, deixa en mans de 17 comunidades o plan de vacinación. E as comunidades, por non recoñecer a súa impotencia, seguen sen pedir axuda a quen pode proporcionarlla. O resultado é un atraso tal que os mozos van peitear canas cando lles toque a quenda, e os vellos iremos morrendo, do covid-19 ou do que sexa, sen recibir a vacina.

O exemplo mundial de eficacia neste tema está a ser Israel, que vai camiño de conseguir a inmunidade de grupo en marzo. Como? En primeiro lugar comprou máis doses de vacinas que ninguén, e máis caras, iso si; teñen diñeiro e saben usalo. Un exdirectivo da OMS pediu vacinar «coma se fose unha operación militar e de guerra». E así o fixeron, en xornadas de 24 horas, sete días á semana, con incentivos. E co exército participando activamente. Aquí non se vacinou durante as fins de semana nin os festivos. E ninguén se fixo eco do ofrecemento das nosas forzas armadas, dos seus 200 médicos e 700 enfermeiros. Alí habilitáronse como zonas de vacinación pavillóns, carpas e ata párkings, aquí séguese pensando que facer coas farmacias. Alí a sanidade, universal e xestionada de forma privada a través de mutuas, despregou unha cobertura dixital que convoca á vacinación de forma rápida e ordenada. Aquí tanto a ASPE como a fundación IDIS, que representan a maioría das empresas sanitarias privadas, manifestaron a súa dispoñibilidade para colaborar na inmunización. Só a Comunidade de Madrid gastou o seu diñeiro en conseguir a axuda de Cruz Vermella. O Goberno e o resto de comunidades din que o resolverán sós. A pregunta é: cando?