A aparente eficiencia da ciencia española, un risco a curto plazo

Juan M. Lema Rodicio LIÑA ABERTA

OPINIÓN

CRISTOBAL HERRERA-ULASHKEVICH | Efe

14 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Segundo un moi recente informe de Nature Index, España é, a nivel mundial e tralo Reino Unido, o país cunha maior eficiencia, medida como a ratio entre as publicacións en revistas científicas de alta calidade (selección de 82 revistas recollidas no Index) e o investimento en investigación. Os datos indican que España ten, de media, practicamente o duplo de eficiencia que Alemaña, Francia, Italia ou EE.UU. e mais do triplo que Corea ou Xapón. Nun primeiro análise, isto parece falar moi ben da preparación e o compromiso dos científicos españois.

Unha análise mais minuciosa dos resultados de Nature Index indica que EE.UU. publica 20 veces o volume de España, Alemaña case que 5, Reino Unido 4 e Francia 2,5 veces, unha relación moi superior á relación demográfica. É dicir, en termos absolutos España ten unha participación moi inferior á que lle correspondería en comparación cos países máis desenvolvidos en ciencia.

Por outra banda, o informe Cotec, tamén de recente publicación, indica que España asigna a investigación menos da metade (49 %) da media da UE mentres que o seu PIB per cápita atinxe o 91 %. Para entendelo máis claramente: en Europa invístense anualmente máis de 680 euros per cápita mentres que en España apórtanse uns cativos 342 euros. A evolución é aínda máis preocupante. Así, mentres que no período 2009-19 o conxunto da Unión Europea incrementou a súa aposta pola investigación en máis dun 30 % (Alemaña por enriba do 35 %), España fíxoo nunha taxa de tan só o 6,4 %.

Cal podería ser unha explicación razoable da aparente discrepancia entre os escasos recursos e a eficiencia? Son os científicos españois, de media, máis talentosos e esforzados que os seus colegas europeos? Está o sistema ciencia-tecnoloxía español mellor estruturado? Este razoamento, aínda que puidera resultar moi reconfortante, non parece ser moi realista.

Non chama a atención que as tres vacinas para o covid-19 máis promisorias das que se desenvolven actualmente en España polo CSIC estean lideradas por tres científicos xubilados? Baixo un escenario de escaseza de recursos, parecen sobrevivir mellor os grupos con maior experiencia e recursos que aportan ese «plus de calidade» que lle permite publicar nas revistas de maior prestixio. A falta prolongada de investimento crea inestabilidade laboral, un futuro incerto, que dificulta enormemente a atracción e retención de talento científico, realmente o principal activo de calquera sociedade moderna. Por mor desta limitación, nos últimos anos pecharon centenares de laboratorios de universidades e centros de investigación. O volume do sistema, o berce de formación de investigadores excelentes, está decrecendo en termos absolutos.

Como conclusión, probablemente, a chave da «boa eficiencia» da ciencia española resida na actividade investigadora dun número limitado de grupos, ben estruturados e equipados historicamente, que incluso baixo escenarios de limitacións económicas poden competir nun entorno internacional. Polo de agora, a ciencia española ten unha eficiencia media superior á do sistema europeo, pero coa metade do investimento. Unha ratio, sen dúbida, moi boa. Pero esta posición ten data de caducidade e, de non modificar vigorosamente o marco orzamentario, que dinamice o conxunto do sistema, vaise producir un baleiro moi perigoso, probablemente irreversible.