Unha Galicia máis resiliente
Principiamos 2021 escaldados por un 2020 que non esqueceremos. Arelamos superar a pandemia temerosos da terceira onda. A vacina inxecta optimismo, pero non quita o medo ante os efectos sociais dun baixón económico sen precedentes. Agardamos que o rebote compense a caída e que o gran esforzo de solidariedade europea e nacional sirva para apuntalar e modernizar empresas e administracións.
Esperanzas, arelas e temores ante o que virá. Ulrich Beck definiu a sociedade do risco, na que medra a probabilidade de vernos sacudidos por situacións non xeradas por nós mesmos. Zygmunt Bauman falou da «modernidade líquida», como tempo no que estruturas relativamente estables dan paso á precariedade individual e á incerteza colectiva. Fronte ó risco, medible, cuantificable, a incerteza vén envolta en néboa e amplificada polo colapso ecolóxico (do que a crise climática é a manifestación máis destacada) e a disrupción tecnolóxica.
Os plans de Europa e do Goberno central buscan encarar ambos fenómenos corrixindo o erro austericida. O Goberno galego, alumno aplicado dese austericidio, actúa reactivamente, sen visión propia máis alá de comodíns falsos e nocivos: os problemas veñen de fóra e España róubanos. Nesas falacias conflúen agora dereita e nacionalismo omitindo unha realidade incómoda: a pesar de que Galicia recibiu durante décadas e segue a recibir solidariedade tanto do Estado como de Europa -neste caso 26.000 millóns en fondos europeos-, os nosos problemas medran.
A incerteza afróntase cunha rede protectora pública, estratexia e resiliencia. Trinta e tres anos de autogoberno pola dereita erosionaron o público, sen estratexia de país nin outra resiliencia que a da sociedade civil. A política industrial, competencia exclusiva da Xunta, non existiu. Como exemplo, a fin das térmicas era previsible hai tempo, pero non houbo planificación para compensala, nin diversificación dunha economía que segue a depender dos motores tradicionais: Inditex e Citroën -fundamentalmente- máis unha pléiade de pemes, moitas en graves apuros.
Antecedentes preocupantes cando en outubro a Xunta pasou de falar de sete «proxectos tractores» a falar de 108 só dez días despois. Alén da cifra, ninguén sabe en que consisten nin con que criterios se elixiron, se é que houbo algún. Nun mundo en cambio acelerado, cheo de incerteza e hipercompetitivo, a estratexia non pode consistir en improvisar. Galicia ten moito potencial. Desatalo precisa proactividade, moita máis resiliencia pública, usar eficazmente o noso elevado autogoberno e deixar de inventar culpas alleas.
Comentarios