A democracia en América

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

María Pedreda

12 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O asalto ao Capitolio por unha masa de trumpistas cabreados, axitados polo propio presidente, é unha anomalía política en todos os sentidos que poidan expresarse. A propósito destes actos, as traducións lingüísticas e políticas que se fan nos diferentes países e aos distintos idiomas son moi variadas e sempre están moi relacionadas coa cultura política de cada nación. Paga a pena facer un repaso porque a interpretación do acontecido en Washington coa toma do poder lexislativo por unha manifestación revela ideoloxías, culturas e historias políticas diferentes.

En Norteamérica, a prensa e o propio Biden falaron de tormenta de masas, e ese foi o titular máis repetido nos xornais en inglés aos dous lados do Atlántico, especialmente nos xornais irlandeses e no Guardian de Londres; mentres o Times e Telegraph preferiron o Capitolio asediado e os xornais escoceses destacaron o caos. Asalto violento, insurrección, disturbio, motín abundaron tamén nos titulares anglosaxóns. Os xornais franceses coincidiron en insurrección e asalto, igual que os italianos, entre os que algún incluíu ademais a palabra golpe; os alemáns falaron de terrorismo, do exército de masas de Trump e de ataque á democracia; a maioría dos españois titularon revolta ou asalto, e os portugueses e brasileiros ataque á democracia ou asalto. No seu discurso, o propio Joe Biden falou de asalto sen precedentes á democracia, de asedio, e dixo: «Isto non é disenso, é caos, e roza a sedición».

A escolla nos titulares é significativa e responde case mecanicamente á historia e ao imaxinario colectivo de cada país. Chama a atención o ton descritivo, aséptico, profesional no que coincidiron os xornais hispanos, en contraste coa inmediata verborrea da maioría dos voceiros políticos -e dos seus seguidores nas redes-, máis interesados en buscar comparacións para acusar aos rivais que no significado excepcional do que acontecía. A palabra golpe apareceu de súpeto en todos os discursos, saída do máis fondo do inconsciente colectivo.

Moi americano o que aconteceu, moi propio de repúblicas fundadas en revolucións, pero bastante difícil de imaxinar en Europa tamén por razóns históricas. Os matices de diferenza nos titulares son elocuentes. Pasou en América e tampouco non é a primeira vez que acontece naquel continente, ocorreu recentemente en Ecuador e no Perú e o propio Capitolio sufriu varios ataques singulares no último século, lembra a BBC. O asalto é proba do valor real e simbólico que teñen os parlamentos e tamén do fráxil que é sempre a democracia. En Arxentina ou en México, por tradición, seguramente asaltarían antes a casa do presidente que a sede do lexislativo.