Unha AP-9 ao servizo dos galegos?

francisco menéndez DIRECTOR DA AXENCIA GALEGA DE INFRAESTRUTURAS

OPINIÓN

10 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A AP-9 segue a ser cuestión de actualidade nesta nova normalidade que non acaba de chegar. É así porque coñecemos o valor das infraestruturas, que na crise sanitaria foron fundamentais para a loxística dos subministros e garantiron o funcionamento dos servizos básicos, e agora deben contribuír á reconstrución e ao mellor futuro de Galicia. Custa asumir que, tal e como viña advertindo a Xunta, o día 1 de xaneiro, a nosa principal infraestrutura viaria, a AP-9, subise de novo os seus prezos no medio dunha baixa xeneralizada de tarifas nas vías de peaxe do Estado, e despois de que o Goberno anunciase unhas bonificacións millonarias. Falamos de que a AP-9 non só non baixa, senón que, ademais, volve subir e faino cando todas as demais baixan. 

O impacto nos petos das familias é enorme, ao igual que o é na vitalidade da nosa economía nun momento crítico como o actual. Para que a AP-9 contribúa decisivamente ao desenvolvemento de Galicia, debe facilitar a competitividade das empresas nos seus custos de transporte, especialmente en relación con outros lugares. Pero tamén debe a AP-9 facer país dende unha perspectiva de optimización dos recursos ambientais, captando ese tráfico que hoxe evita a peaxe e se desvía a estradas convencionais, con traxectos máis contaminantes e molestos para a poboación. E, por suposto, dende o punto de vista da seguridade viaria, dado que é unha vía máis segura que as nacionais N-550 e N-651, e por suposto que a autovía A-55.

Lamentablemente, nestes días, inicio dos novos tempos que viviremos, os problemas da autoestrada son os mesmos que os do ano pasado e o anterior. A AP-9 vai sendo cada vez máis unha excepción na rede de estradas do Estado, na que xa son poucas as vías con peaxe ao usuario ao ir rematando as concesións. Este trato desfavorable ratifícase polo feito de que no 2021, a AP-9 foi a autoestrada na que o Ministerio de Transportes máis subiu as súas tarifas.

É frustrante saber que as peaxes volveron subir porque o Goberno non quixo aplicar as fórmulas propostas pola Xunta de Galicia para mitigar estas subas, que non se tiveron en consideración nin foron respondidas. O 1 de xaneiro, o Executivo central cumpriu con Audasa e falloulles aos galegos.

Para máis inri, atopámonos cunha última sorpresa de fin de ano: a reclamación por parte do ministerio a Galicia da metade do importe da subvención da peaxe en Rande e A Barcala, rachando co acordo de 2018 que liberaba á Administración autonómica da obriga de cofinanciar as bonificacións das peaxes nunha vía do Estado. E iso para que a Audasa lle cadren as contas.

A día de hoxe, a AP-9 non está a desenvolver o potencial que ten polo seu desigual trato con respecto ao conxunto da rede viaria do Estado. As palabras lévaas o vento, e os feitos son os que son: ningunha baixada, unha nova suba. A situación é cada vez máis insostible, xogámonos moito e a Xunta manterá a súa postura de reivindicar con determinación a necesidade de poñer de verdade a AP-9 ao servizo de Galicia e dos galegos.