Epístola para unha fin de ano rara

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

xerardo estévez

02 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Trátase dunha epístola de Nadal para un edil dunha cidade calquera. O seu oficio consiste principalmente en rexistrar todo o que acontece na escena urbana, aínda que a ollada cotiá lle impida percibir a disonancia como, por exemplo, a cartelaría de plástico que prolifera nos conxuntos históricos. É dicir, está obrigado máis a mirar que a ver, e ten que eludir a visión especializada da súa área, inseríndoa no contexto municipal e coordinándose cos outros corporativos, contrastando a demanda do veciño que o aborda a pé de rúa todos os días. Sempre fun partidario do clásico bloc de notas con boli para ir apuntando as cuestión que con amabilidade se deben atender, para filtralas e logo dicir que si ou saber, de ser o caso, argumentar un non.

Confíanse a miúdo os temas urbanos a expertos que fan análises fragmentarias da realidade, fértiles en neoloxismos que, por certo, a RAE vai recoñecendo cunha flexibilidade abraiante. O mellor experto da cidade ten que ser o concelleiro, capaz de contextualizar as monografías que xorden como setas en múltiples traballos de investigación, que ás veces suplen a limitación de datos con ocorrencias que poden parecer brillantes pero non deixan de ser banais. O primeiro desafío é transmitir ao común a opinión rigorosa, democratizala, facela accesible á cidadanía para ir nutrindo a conciencia cívica e patrimonial.

Propoño a ese edil adoptar a actitude dun paseante atento, viaxado para coñecer outras realidades, capaz de elaborar o que se adoita chamar discurso ou relato. É verdade que agora é mais difícil, porque nas últimas décadas as cuestión urbanas derivaron da perspectiva global que se obtiña desde os plans xerais e estratéxicos a visións e decisión sectoriais, que á primeira de cambio convértense en realidades improvisadas coas que, insensiblemente, as nosas urbes van adquirindo perfís de parques das fantasías kitsch.