
Os que están contra a aplicación da lei Celaá falan de que «atenta contra as liberdades das familias». É curioso como ao longo da historia se ten usado a palabra liberdade para significar toda clase de cousas. Arbeit macht frei era o que se atopaban moitos xudeus, ciganos ou republicanos españois ao entrar nos campos de exterminio nazis: «O traballo faravos libres». O fascismo español fixo oficial un escudo (que aínda voa por aí de cando en vez) cun emblema que rezaba «Una, Grande y Libre». Sempre a liberdade reivindicándose en contextos moi pouco libres. Quizais por iso, na famosa e seica intocable inanalizable imponderable Transición, aquel grupo, Jarcha, chegou ao número un das listas de éxitos co seu Libertad sin ira. Antes, Serrat puxera música a Miguel Hernández e o seu poema Para la libertad, mentres Nino Bravo cantaba aquel himno eterno, político sen que a censura se enteirase, de Libre.
A liberdade, si, é algo que nos gusta, nos emociona. Os que temos desenvolvido algunha vez actividades formativas nos cárceres galegos sentimos un peso desacougante dentro do peito cada vez que traspasamos as portas de control de acceso. Perdermos a liberdade é o peor que nos pode acontecer.
Quizais por iso lle deberiamos dicir a quen está en contra de certas cousas que non evoquen sen máis a liberdade ou a falla dela. Porque a liberdade é unha palabra semanticamente moi marcada en positivo, e non se debe asociar sen máis á auga que quero que pase polo meu muíño.
Falemos pois en serio sobre a liberdade, concepto que, filosoficamente, vai parello a outro: igualdade. Só pode haber liberdade nunha sociedade onde todas e todos somos iguais. Se hai amos e servos, se hai donos e escravos, aí só son libres os amos e os donos, nunca o escravos ou os servos. Se hai liberdade, todos podemos abrir os ollos pola mañá sabendo que a vida é posible. E se iso non é así, se hai condicións terribles que me impiden chegar a onde merezo, aí non hai liberdade.
Así pois e volvendo ao comezo: falan en propiedade os contrarios á lei Celaá cando din que se atenta contra a liberdade das familias ao non poder escoller libremente (redundan) os centros concertados que lles pete? Pois non. A verdade é que non. Usan ben o concepto cando lles parece fatal que deixen de recibir axudas económicas os centros que segregan por sexos porque iso vai contra a liberdade das familias a escoller o tipo de educación que queren para as súas crianzas? Pois tampouco. Porque a liberdade de elección dáse se, como digo, todos somos iguais. E resulta que determinados centros educativos non todo o mundo pode pagalos, como non todo o mundo pode pagar certas universidades privadas. Que existan todos eles, por suposto, pero que busquen un argumento mellor que non aldraxe un concepto tan fermoso como é o da liberdade.