Parabéns ás direccións escolares!

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

Ana Garcia

24 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Se hai algún colectivo que merece ser destacado polo seu labor na xestión da pandemia é o dos equipos directivos dos centros docentes. Grazas á súa implicación desde o principio os moitos problemas xurdidos solucionáronse con rapidez e eficacia. Nos meses de confinamento e no complexo inicio de curso non coñeceron límites horarios, superaron en moitas ocasións o medo ao contaxio e mesmo realizaron funcións propias doutros profesionais. Haberá quen diga que para iso cobran, pero non é xusto, primeiro porque polo traballo que desempeñan de ordinario non están ben retribuídos, e segundo porque, aínda no suposto de estalo, non teñen por que ter unha dedicación permanente ao cargo.

 

As direccións apoiaron ou incluso supliron a profesores que se viron incapacitados para levar a cabo un ensino a distancia; proporcionaron equipos tecnolóxicos a alumnos necesitados; refixeron horarios cantas veces foi preciso; refundiron materias ou mantiveron un constante contacto coas familias e coa Administración, tendo pasado moito tempo pegados ao teléfono ou á pantalla. Tamén foron quen de atender a alumnos con sintomatoloxía covid, traballar na adaptación de espazos para garantir as distancias ou supervisar a aplicación de medidas preventivas. E por suposto elaborar un plan inicial de adaptación á situación de confinamento e outro posterior de continxencia, para o hipotético caso de volta ao ensino non presencial.

Pero ademais de levar a cabo estas tarefas extraordinarias, os equipos directivos tiveron que responsabilizarse das ordinarias: docencia, burocracia e convivencia. A primeira require unha urxente revisión de horarios para adaptala ao momento actual, modificando dunha vez os regulamentos dos centros. A segunda ten chegado a unha absurda situación de esaxeración e en moitos casos de ineficacia, que tamén debe ser revisada se non queremos converter ás direccións en meros administrativos.

Canto á convivencia, temos tamén que sacarlles o sombreiro a estes profesionais. Nos momentos de máxima tensión, foron capaces de calmar os ánimos e de chegar a acordos, imprescindibles para acadar normalidade dentro da anormalidade. A pesar de non contar con esta capacitación específica na súa formación demostraron una boa competencia emocional, que favoreceu a solución de moitos problemas de convivencia nos centros e de relación cos docentes e coas familias. Se non contásemos con estes equipos directivos, tería sido moi diferente a etapa de confinamento ou o comezo e a actual marcha do curso escolar!