O español, perseguidísimo

Francisco Castro
francisco castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

OPINIÓN

21 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A raíz da lei Celaá desenvolveuse unha agria polémica sobre a defensa do español incluso en Galicia. Que o castelán está perseguido en Galicia é unha das trolas máis maledicentes das que se crearon en toda a nosa historia. 

Partiu dun grupo de xente que se facía chamar Galicia bilingüe e que agora está integrado en Hablemos español, nome ridículo onde os haxa, e que recorda aquel cartel logo do golpe de estado fascista do 36 que dicía «Hable bien. Sea patriota, no sea bárbaro. Es de cumplido caballero que Vd hable nuestro idioma oficial, o sea el castellano. Es ser patriota. Viva España y la disciplina y nuestro idioma cervantino. ¡¡¡Arriba España!!!». Logo debaixo viña unha bandeira española, co aguilucho por suposto, e unha coda final: «La nación española cuenta con veinticuatro millones de habitantes por cuyas venas corre sangre latina; hablan el idioma castellano y profesan la religión católica, apostólica y romana».

A octavilla estaba impresa, por certo, na Coruña. 84 anos máis tarde, temos medio cento de deputados de Vox e parte da dereita española facéndolle as beiras a ese mesmo discurso de que o español, a lingua cervantina de sangue latino, está en perigo porque hai uns maléficos seres que queren impoñer falar galego por obriga.

A pregunta é obvia: como é posible que malia levar tantísimas décadas supostamente impoñendo o galego, a lingua propia de Galicia sexa a ser minoritaria na economía, na investigación, nos medios de comunicación, no comercio, na publicidade, e en definitiva, na vida? Como impositores que obrigamos á xente a falar galego somos uns completos negados, pois non o damos conseguido.

Os datos do INE, do Consello da Cultura Galega e da Real Academia Galega sinalan, máis ben, unha fonda preocupación pola saúde da nosa lingua que, malia estar no ensino, non é vivido maioritariamente pola mocidade como algo de seu.

Incluso no rural, onde sempre a nosa lingua atopou lugar de resistencia, a situación é esa.

Os que andamos polos colexios das vilas galegas vemos, e o profesorado confirma, que hai moita rapazada, fillos e fillas de galegofalantes absolutos, que ven o galego como unha asignatura. De feito, para moita xente así debe ser: o galego, debe ser unha asignatura.

Como nos tempos do conflito bélico provocado polo fascismo no 36, mesturan patria, relixión e lingua cunha determinada idea de valor intelectual.

É terrible que se continúe a pensar que coñecer a lingua propia, usala como vehicular na escola (como nos pide o Consello de Europa, que non teñen pinta de ser independentistas separatistas antiespañois) é algo prexudicial, e que o correcto ten que ser o monolingüísmo español ou, como moito, un bilingüismo que inclúa o inglés.

Eu si que quero que o meu médico fale galego. Son galegofalante e se me sae un vulto necesito que me entenda. Por suposto que llo podo dicir en castelán. Incluso en inglés. Pero quen vén traballar a Galicia é el. Eu só son o enfermo. Como a miña lingua, enferma de persecución dende tempos eternos.