A Estratexia do Sector lácteo Galego, necesaria e acaída

Xosé Turnes Paredes LIÑA ABERTA

OPINIÓN

ANGEL MANSO

13 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Galicia produce máis do 40 % do leite do estado e segue medrando a pesar de levar tempo cos prezos mais baixos de España e coa mellor calidade, podendo interpretarse isto de dous xeitos: coma unha desgraza ou coma unha vantaxe competitiva.

 

O sector lácteo ten tanta importancia económica coma o téxtil, o automóbil ou a pesca, pero a nivel medioambiental ten moita máis, porque xunto co forestal son as dúas grandes producións que permiten ordenar o territorio, fixar poboación no rural e xerar sinerxias con outras producións agrogandeiras.

A Estratexia do Sector Lácteo vén precedida tamén dun fito importante, como foi a declaración institucional a prol do sector promovida pola Asociación Galega Terra e Leite, que contou co apoio unánime do Parlamento, polo que tamén é de esperar un amplo respaldo a esta estratexia na que participou todo o sector e que recolle deberes para os actores principais (industrias, gandeiros, Administración…).

Empezando polas industrias, podemos dicir que nunca mellor se estivo. Dúas importantes empresas, Entrepinares e Inleit, fixeron grandes investimentos para elaborar produtos de valor, mentres que seis empresas que representan máis do 60 % da recollida non investiron en nada destacable. En Galicia segue faltando un gran investimento que poida regular os picos entre produción/consumo e que ademais permita concorrer a mercados afastados. Se ningunha destas empresas o fai, haberá que facilitar, tal e como se prevé na estratexia, que un gran operador mundial veña a Galicia atraído pola cantidade e calidade do leite galego.

En canto aos gandeiros, deberían abandonar xa o victimismo, podendo estar orgullosos do ben que o fixeron aínda que teñen pendente adaptar o seu negocio a formulas legais máis adecuadas que permitan o relevo xeracional, a venda ou o arrendamento, simplificar a xestión e limitar as responsabilidades. Os máis dimensionados son o futuro e teñen que dar un paso decisivo recoñecendo a súa nova condición de empresarios, e para iso tamén deben crear novas organizacións que os represente. Botarlle a culpa aos sindicatos, á distribución, aos consumidores ou ao cambio climático, de pouco serve. Cada parte ten as súas ferramentas e debe saber empregalas.

En canto ás administracións, son as responsables de crear as condicións para que todo sexa posible: apoiar proxectos industriais de longo recorrido, evitar que se pase valor deste sector a outros, modificar un retorcido paquete lácteo para que os contratos entre industria e gandeiro sexan unha ferramenta e non unha camisa de forza, poñer orde no territorio, potenciar a investigación e reducir a burocracia, e tamén acertar na combinación axeitada entre apoiar chiringuitos e proxectos de calado.

Como resumo podemos dicir que o sector lácteo galego ten futuro, chegar a onde está hoxe parecía imposible hai 34 anos cando entramos na UE. Agora xogamos na Champions e estamos entre os dez mellores equipos, pero non podemos emborracharnos de éxito, outros seguen facéndoo moi ben e nós debemos copiar deles todo o posible en vez de facer experimentos desnortados. A estratexia é unha base para logralo.

Noraboa a todo o sector e á clase política por facer posible que teñamos un marco de referencia tan importante. Agora toca poñela en marcha cos recursos necesarios e facer os cambios lexislativos precisos para acadar os obxectivos fixados para que o sector lácteo continúe sendo o motor económico dos espazos rurais de Galicia.