Dramatización da cultura en pandemia

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

ADRIÁN BAÚLDE

13 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Na primeira fin de semana de decembro foi o Culturgal. «Non sabía». É que este ano se fixo nunha cidade pechada perimetralmente e non podías ir. «E que é o Culturgal?». A feira galega das industrias culturais. «En serio hai diso?». Anda preto do 3 % do PIB. Os políticos din que é unha industria tan vizosa coma a nosa lingua. «E os artistas que din?». Que non. «Xa. Pero que é exactamente o Culturgal?». Pois é un espazo para consumir artes e mercar agasallos culturais de Nadal. «Unha tenda?». Non exactamente. «E quen a monta?». Unha asociación creada polo propio sector grazas á que, durante anos, foi un éxito. Agora depende moito do investimento institucional. «Pero entón que é se non é unha tenda?». Un espazo de visibilización da cultura. «Un momento. Entón é para que os políticos se luzan a conta dos artistas?». As institucións apoian a cultura porque significa liberdade e creatividade, algo do que os políticos xamais se aproveitan. «Logo estaría cheo de xente...». Este ano estivo practicamente baleiro pola pandemia. «Queres dicir que lles deu igual que non houbera xente?». É que se deu en streaming. «Iso de retransmitilo on line mentres a xente compra en Amazon?». Mmm, si. «Ti vendiches algunha vez un libro por streaming?». Non. «Veña, dime de verdade que é o Culturgal...». Ese é o problema, que vós, a xente, non tendes sensibilidade artística! «Xa o capto: os artistas tendes un problema coa xente». Outra vez ese pretexto. Se as institucións non nos dan plataformas de visibilización, non chegamos ao público. «Por fin entendín! O Culturgal é unha feira sen xente onde importa máis a foto coa arte que a arte en si». Oh, non. Iso para nada é o Culturgal. Iso é a cultura galega.