Berros no Parlamento

OPINIÓN

Ricardo Rubio | Europa Press

08 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Os últimos debates no Parlamento español, sobre o que fose, a lei Celaá, a moción de censura de Vox, os Orzamentos e quen apoia a quen, etcétera, deixaron claro que nunca se caeu tan baixo, en toda a historia do parlamentarismo, como se está a caer agora con deputados que insultan, corean, berran puño en alto... Nunca antes como agora vimos máis apupos, pataletas, golpes na mesa co puño pechado mentres outros aplauden. O Parlamento español (o de aquí vai aguantando, polo de agora), ou recentemente o andaluz, cun deputado (de Vox) golpeando o micrófono e mandando a tomar (a saber o que) a un sitio moi feo á presidenta, cada vez parécese máis ao plató de Mujeres y hombres y viceversa ou ás bancadas dos grupos ultas no fútbol dos anos 80.

 

O asunto podería parecer, a unha mente pouco atenta, un asunto ata simpático. Podería crerse que os deputados e deputadas altéranse tanto porque son apaixonados na defensa das súas posicións, porque cren firmemente na xustiza do que defenden, porque os seus argumentos merecen ser defendidos con toda a enerxía posible. Pero non, non hai nada disto. Estes comportamentos, ademais de revelar unha profunda falla de cultura parlamentar e democrática (non atacan argumentos, senón persoas), están perfectamente deseñados polos correspondentes departamentos dos partidos que saben que, sexas da corda ideolóxica que sexas, se hai tensión, se hai polaridade, as cousas son boas para ti. Asúmese a liorta, a batalla, como o campo natural do debate. Un debate que, neste territorio, deixa de ser debate para ser outra cousa. Xa non se trata de ter razón. Trátase de humillar ao rival, que pasa a ser inimigo. Trátase de que os seareiros te aplaudan máis. En definitiva, trátase de que postulados ao xeito de Tele5 manden máis no discurso que os de, poño por caso, La Clave, aquel mítico programa de televisión onde a xente falaba durante horas sen interrumpirse, argumentando e procurando establecer un marco racional que explique as cousas.

Os nosos parlamentarios pensan máis no Twitter que na verdade, máis nos likes que han conseguir eses microvídeos que se farán virais que en abordar dende a razón e a lóxica o asunto de que se trate. No fondo, a verdade, a razón, tanto ten. Do que se trata é de alzar máis a voz do que xa a elevan os que berran ao teu carón.