As Pontes: non hai transición xusta

N. Pena / J. Hurtado / F. Branco EN LIÑA

OPINIÓN

JOSE PARDO

26 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende que, en abril de 2019, a central térmica de As Pontes deixara de funcionar de xeito permanente, asistimos a toda unha planificación de Endesa para abandonar a súa actividade en As Pontes. De pouco serven as promesas das diferentes administracións, a realidade é a que impón Endesa día a día, a golpe de feitos. Cando aínda se descoñecen publicamente os resultados das probas con 50 % de biocombustibles e 50 % de carbón, e sen realizar as probas que demandamos os axentes sociais, co 100 % de biocombutibles; asistimos ao desmantelamento planificado, tanto en equipamento material, para enviar a Italia, como laboral, co anuncio de traslados, fóra de Galicia, dunha parte moi significativa do seu cadro de persoal directo, tanto na propia central térmica como na terminal do porto exterior de Ferrol.

As administracións falan dunha transición xusta, cando Endesa segue dando pasos efectivos para o peche, sen ningunha consideración sobre a súa responsabilidade con As Pontes; concello que mudou e se adaptou no eido urbanístico ás necesidades da empresa durante moitos anos. Semella que, para Endesa, As Pontes foi un obxecto de usar e tirar.

Non é transición xusta cando poden despedir ás auxiliares; non é transición xusta cando pretenden trasladar ao persoal propio; non hai transición xusta cando os transportistas non teñen solución nin alternativas; non é transición xusta cando desmantelan a instalación; non é transición xusta cando As Pontes e a súa comarca perden unha parte da súa economía. Isto é unha reconversión, pura e dura.

A comarca de Ferrolterra xa está farta do mesmo mecanismo, primeiro desmantelan a actividade produtiva, en tempo real, e despois, para un futuro descoñecido, prometen novos investimentos que, as máis das veces, non chegamos a ver. Se Endesa quere ofertar unha transición xusta, que concrete xa os seus plans de investimentos, realice as probas con 100 % de biocombustiles, garanta o emprego actual e planifique de verdade o seu posible desmantelamento.

Nestes momentos, as diferentes administracións, tanto o Ministerio de Transición Ecolóxica como a Xunta, non poden quedar de espectadoras, nas súas mans está obrigar a esta multinacional italiana a que realice o que elas predican: «Que ninguén quede atrás».

Namentres, dende As Pontes ímonos mobilizar, unha vez máis, porque Endesa non se pode rir do noso pobo.