Orzamentos á altura das circunstancias

Miguel Ángel Tellado Filgueira SECRETARIO XERAL DO PPDEG

OPINIÓN

25 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Esta semana o Goberno galego presentou no Parlamento de Galicia os seus orzamentos para 2021. Se nos tiveran preguntado hai pouco máis dun ano, sen dúbida apostariamos porque estas serían unhas contas de celebración. Os orzamentos do ano Xacobeo. A gran posta de largo de Galicia ante o mundo.

 

Pero a realidade tiña outros plans e estes orzamentos tiveron que ser pensados para dar resposta ás moitas necesidades orixinadas pola pandemia en Galicia.

Para apoiar aos milleiros de profesionais que tiveron que ver reducida dramaticamente a súa actividade ou directamente pechar os seus negocios. Para protexer ás familias nas que o medo ao virus case se veu superado polo medo a non chegar a fin de mes. Para reactivar unha economía que necesita un impulso urxente e decisivo.

Por iso estes orzamentos concentran o maior investimento da historia Galicia e destinan catro de cada cinco euros a políticas sociais, emprego e reactivación económica.

E a pesar diso, e aquí reside a responsabilidade e a coherencia do Goberno Feijoo, non van a supoñer nin un euro máis para o peto dos galegos. A pesar do necesario aumento do gasto, estes orzamentos consolidan e amplían as rebaixas fiscais.

Porque é o único que pode facer un goberno responsable nun momento coma este. Garantir a protección dos máis vulnerables e dar o empuxe que a economía necesita para volver a poñerse en marcha, pero sen hipotecar o noso futuro, nin sostelo sobre as costas das familias e dos traballadores.

Hoxe Galicia pode facer este esforzo orzamentario sen precedentes gracias a anos de boa xestión e de rigor nas contas públicas. Unha xestión prudente que nos permite soster un gasto excepcional para superar un momento excepcional.

Este é o modelo galego. O modelo da formiguiña que traballou arreo durante os anos de verán para estar preparada para os anos de inverno.

E o inverno desta pandemia está mostrando a verdadeira cara duns e dos outros.