Poñer todos os ovos no mesmo cesto

Francisco Castro
Francisco Castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

OPINIÓN

Kai Försterling

23 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Se algo nos aprende esta espantosa crise que estamos empezando a padecer (as previsións da UE, do Banco Central, do propio Goberno para os meses que virán meten medo) é que non foi boa idea converter España nunha especie de praia xigantesca para que os turistas de todo o planeta viñesen aquí a cocerse a sangría, sol interminable e todo barato-barato. Non foi boa idea aínda que nos deixase moitos cartos no pasado. Como non é boa idea fiar boa parte dos ingresos futuros do noso país ao Xacobeo, que como idea é marabillosa pois sabes que vas ter millóns e millóns e millóns de persoas...ata que vén un virus cheirento e di que nada de Xacobeo, nin Mallorca, nin Andalucía olé olé, nin farrapos de gaita.

Temos, agora, que reflexionar poderosamente sobre isto e aproveitar para mudar o modelo. Por que está aguantando mellor Alemaña? Porque son máis listos, máis altos, máis louros? Probablemente non é por iso, senón porque teñen unha industria, un tecido produtivo que vai máis aló da circunstancia concreta de que un ano faga sol ou veña anubrado. Por que están aguantando mellor os nórdicos? Porque teñen unha economía equilibrada na que as fontes de ingresos veñen desde moitísimas partes e non só dos fiordos.

A gran traxedia nosa ten que ver moito con como somos como sociedade. Nos tempos de bonanza e vacas gordas, os nosos responsables políticos sacaban peito premiando ao visitante un millón de, por exemplo, unha vila perdida da costa mediterránea. Aí vías un belga rosado con cara de susto mentres a banda municipal lle interpretaba Suspiros de España. Ese era o noso modelo. Un modelo que precisa xente, circulación de diñeiro, alugueres aínda que sexan baratos para que os ingleses poidan facer balconing a gusto. Un sistema, claro, que implica centos de traballadores nun estado de precariedade lamentable servindo copas, facendo camas e aturando borrachos que falan en linguas estrañas por uns poucos euros, por case nada, en realidade. E a poder ser, cobrando moito en negro, algo que explica, tamén, os poucos recursos cos que despois conta o Estado para facer fronte a unha pandemia destas características. Porque en Alemaña, ou en Suíza, por dicir dous países da nosa contorna, se ti lle suxires ao fontaneiro pagarlle sen factura, o señor en cuestión vaite fulminar coa ollada porque ten claro xa non que es un mal cidadán senón que estás prexudicando a todo o mundo. Por aquí, sen embargo, se vas de legal, moita xente pensa que es imbécil.

Aproveitemos para mudar o modelo. Para facer cambios profundos. Non podemos seguir poñendo todos os ovos no mesmo cesto. Que ao final, rompen.