Cidades tristes, cidades afables

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

Denís E. F.

21 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai apenas un ano, cando non podiamos imaxinar o que está a acontecer, era difícil seguirlle a pista á pulsión dos temas urbanos: mobilidade, turismo, economía, consumo, ocio... Tanto, que a política optou por promulgar aínda máis leis e normas para conter un cabalo que parecía desbocado.

Agora as rúas das nosas cidades choran de soidade, os cafés sen faladoiros, os comercios sen compradores e os nenos sen corricar, a pesar dos esforzos da cultura e do lecer por manter certo ton e, o que é mais grave, con amplos sectores de poboación prexudicados.

Esta traxedia temporal obríganos a ser máis humildes, a pensar e a valorar os afectos que tanto botamos de menos. Haberá unha cidade post covid, ou limitarémonos a esperar que volva a excitación? Temos a oportunidade de transformar a tristura de hoxe nunha cidade afable, non necesariamente compulsiva, na busca dun benestar colectivo baseado na reflexión continua e serena, deixando a un lado as ocorrencias tan dadas nesta pandemia.

Concibir un urbanismo reflexivo, non táctico ou conxuntural, que empece por redefinir un vocabulario común para entendernos, a poder ser libre de anglicismos, e que ao mesmo tempo aborde de xeito transversal todos os factores que inciden na fenomenoloxía urbana: mesturar a mobilidade coas recentes pautas de circulación rodada e peonil e, de paso, repensar a forma de urbanizar sen rixidez o espazo comunitario, reconvertendo onde se poida as rondas ou periféricos de conexión dos anos 80 en bulevares transitables para unir a cidade central coa súa periferia, implantando á súa vez novas economías e pactando fiscalidade e planeamento entre os municipios limítrofes, de xeito que a competencia polo empadroamento e o número de habitantes deixe de ser un desafío. Estudar a compatibilidade de usos nas edificacións e o teletraballo, o fomento dun comercio veciñal e a distribución de mercadorías, o goce das terrazas e o faladoiro… En suma, mesturar o histórico e o contemporáneo, o habitacional e as novas formas de vivir, os espazos libres e o vexetal. Todo isto, e máis, poderá ser a cidade post covid, afrontando o arduo dilema de concertar información, participación e toma de decisións.

Con pandemia ou sen ela, os gobernantes non deben fialo todo en mans de expertos, da intelixencia artificial e os dispositivos de silicio. Somos cidadáns e necesitamos ter veciños amigables e diversos.